A Consellaría de Industria considera que a caída de vendas no sector achégase ao 20%
O pequeno comercio do país está a sufrir a crise económica. O conselleiro de Industria, Fernando Blanco, recoñeceu que no que vai de ano xa tiveron que pechar as súas portas 400 establecementos. Ademais o departamento da Xunta considera que a caída de vendas, con respecto ao ano anterior, achégase ao 20%. Na actualidade hai en Galiza máis de 42.400 pequenos comercios que lle dan emprego a 112.395 persoas.
Blanco reuniuse este venres co presidente da Federación Galega de Comercio, Xosé María Seijas, co responsábel do Foro Galego do Comerio, Xosé Bangueses, e co da Federación de Comerciantes Autónomos, Xavier Pérez Bello. Diante deles, o conselleiro comprometeuse a axilizar a nova normativa do comercio e poñer en marcha, co apoio do Igape, liñas de financiamento. Industria considera que as caixas de aforro teñen que ter un papel máis activo nesta “conxuntura desfavorábel” e refinanciar a aqueles pequenos comerciantes que o precisen.