Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rifa interna no PP

Vidal-Quadras critica as chiscadelas de Rajoy cos "independentistas suevo-celtas"

O eurodeputado catalán di que coa insinuación dun hipotético acordo do PP co BNG, Mariano Rajoy lexitima "unha forza separatista radical".

Redacción - 13:40 29/08/2008

É ben coñecida a belixerancia da liña defendida por Aleix Vidal-Quadras, quen fora presidente do PP catalán e senta no Europarlamento desde 1999 en representación dos populares, fronte a toda viraxe que o seu partido poida insinuar de cara a tender pontes ao diálogo co resto de formacións políticas.

Desta volta, e aproveitando a súa tribuna no xornal madrileño La Razón, Vidal-Quadras carga contra Mariano Rajoy polas súas declaracións de hai un par de semanas a prol de estabelecer contactos entre PP e BNG. Recordámoslles que Rajoy dixera especificamente que, cara á vindeira lexislatura e sempre e cando o PPdeG revalidara a condición de forza máis votada, o seu partido trataría de abrir canles de negociación co Bloque.

Tal posibilidade é analizada por Aleix Vidal-Quadras como exemplo dunha inseguridade na vitoria "que debilita perigosamente os populares galegos diante dos cidadáns". "Ademais, semellante hipótese lexitima unha forza separatista radical prestándolle gratuitamente un aura de respectabilidade que non merece", engade o político catalán. Unhas liñas antes inclúe tamén na crítica o ex presidente da Xunta e senador Manuel Fraga e define o BNG como "independentistas suevo-celtas". Atribúelles ademais aos nacionalistas galegos a condición de "xentes instaladas no máis disparatado extremismo".

Ao respecto do artigo, outro diario madrileño, Libertad Digital, faise eco este venres da resposta do PPdeG á reflexión de Vidal-Quadras. Desde a formación confírmanlle ao xornal que no caso de non obter unha maioría absoluta convidarán o BNG a sentar "a falar" dun posíbel pacto. "Estamos dispostos a falar co BNG, pero coa Constitución e os principios do PP enriba da mesa", explícanlles desde a dirección do PPdeG a Libertad Digital.


Ligazóns

2,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: