Unha liña de tren proximidade Pontevedra-Vigo é até "dez mil veces máis urxente que o AVE a Madrid", din desde o Seminario de Estudos Socioeconómicos con sede na cidade do Lérez.
"Cangas e Moaña desde que se suprimiu a peaxe van como foguetes", reflexionaba este martes Xosé Pérez Vilariño, coordinador do Seminario de Estudos Socioeconómicos Carlos Velasco, de Pontevedra, ao respecto da evolución económica no Morrazo.
Pérez Vilariño poñía este exemplo para defender que a aceleración das comunicacións e a rebaixa nos custos é unha "prioridade absoluta" no eixo Vigo-Pontevedra. "Constitúe o núcleo vertebrador da área máis dinámica non só da provincia senón de toda Galiza", explicou Vilariño.
Foi durante a presentación do último boletín desta plataforma de estudos estratéxicos, onde se subliñou ademais que a unión das dúas cidades de xeito "áxil e barato" é "dez mil veces máis urxente que o AVE a Madrid". O Seminario conclúe que os datos de mobilidade, poboación e evolución económica demostran que entre ambas as dúas cidades existe un notable grao de interdependencia, e ao mesmo tempo inflúen decisivamente nos municipios do ámbito que, por esta circunstancia, experimentan unha tendencia á alza no número de habitantes.
Pérez Vilariño insistiu en que máis alá de calquera discurso localista ou confrontación política debe reclamarse a configuración do eixe Pontevedra-Vigo, e reiterou a idea de que na práctica xa existe o que denominou unha "Rexión Urbana" que abrangue as áreas de Vigo, Pontevedra, O Morrazo e O Salnés, un total de 32 municipios da provincia que suman 700.000 habitantes.