Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No pulso co PSOE polo financiamento

O PSC avisa de que os seus deputados afondarán no "perfil propio" no Congreso

O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, avalía que os socialistas cataláns están tensando "as costuras do Estado".

Redacción - 09:30 11/08/2008

Logo de insinuar mesmo o posíbel bloqueo da aprobación dos orzamentos do Estado usando a forza do conxunto dos deputados do PSC no Congreso, os socialistas cataláns relaxan o pulso pero avisan de que o seu grupo en Madrid profundizará na procura dun "perfil propio" na súa actividade na Cámara baixa e no Senado. Unha idea que, expresada neses términos, xa subliñou en ocasións anteriores o conselleiro de Economía da Generalitat, Antoni Castells.

Nese escenario será importante a xuntanza tradicional que a comezos de setembro realizan os deputados e senadores do PSC, desta volta o día 4, e onde poderían coñecerse as novidades da estratexia dos socialistas cataláns no Congreso e no Senado no caso de que até daquela o diálogo co goberno español e coa dirección do PSOE non indique avances ao respecto da reforma do financiamento. Ao fío das últimas declaracións, o PSC parece disposto a facer valer as tres ducias de parlamentarios que ten en Madrid. No último congreso do partido, o debate interno sobre a petición de grupo propio no Congreso quedara adiado coa introdución dunha emenda que deixou nas mans da executiva do PSC a decisión en cada caso sobre "a articulación parlamentaria máis axeitada e eficaz para que se exprese con claridade o perfil propio do socialismo catalán".

Touriño critica o PSC
Sobre ese desafío pronunciábase este domingo o secretario xeral do PsdeG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen admitiu a gravidade do conflito do PSC co PSOE. Na opinión de Touriño, os socialistas cataláns non deberan "tensionar as costuras do Estado" xa que, segundo a súa interpretación, a posición construída polas formacións políticas catalás estaría "de costas ao modelo solidario", un modelo que segundo insiste Touriño "é o cemento do Estado plurinacional".

Touriño afirmou que é compatíbel "o desafío" da corresponsabilidade fiscal e a autonomía financeira "coa solidariedade, cohesión e igualdade". Ao respecto, teimou en que a Constitución "garante a igualdade e a solidariedade de toda a cidadanía, viva onde viva" e insinuou que desde Cataluña se fan "lecturas restritivas" desa idea.

Para ampliar: Vilaweb, La Vanguardia e El Periódico


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: