Un acordo histórico entre os sindicatos de Israel e Palestina protexerá os dereitos dos traballadores palestinos e será a base de futuras negociacións entre ambos pobos.
Os traballadores palestinos empregados por israelís ven acotío perigar os seus dereitos, ao seren unha minoría discriminada. Agora, dous sindicatos israelí e palestino, a central sindical nacional israelí (Histadrut) e a Federación Xeneral Palestina de Sindicatos (PGFTU), veñen de chegar a un acordo xa calificado de histórico. O obxectivo é protexer os dereitos destes traballadores, así como ser a base das futuras relacións entre ambas entidades.
O acordo prevé o reembolso á PGFTU por parte de Histadrut do saldo pendente dende 1993 en concepto de cotizacións sindicais e honorarios por representación legal pagados por palestinos empregados por israelís, así como a transferencia futura do 50% destes pagos, para que ambas organizacións poidan proporcionar representación legal e servizos sindicais en igualdade de condicións.
Fito histórico
Este convenio abre as portas á esperanza nun momento no que as autoridades políticas de Israel e Palestina non atopan unha solución ao seu estancamento negociador. Os sindicatos lideran así unha cooperación que, cando menos, beneficiará o bo entendemento en materia laboral. Así, Shaher Sae'd, Secretario Xeral da PGFTU considera este fito un paso importante para mellorar "o terrible estado no que está a economía palestina", así como subliña que é fundamental o combate pola xustiza, a equidade e os dereitos democráticos para a construción dun Estado palestino.
A Confederación Sindical Internacional (CSI), que representa a 168 millóns de traballadores de 155 países e territorios, supervisará a posta en práctica deste acordo.