Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Golpe de Estado

O exército mauritano asalta varios edificios públicos e detén o presidente e o primeiro ministro

Mauritania espertou coa noticia de que altos mandos do goberno, destituídos polo primeiro mandatario, Sidi Mohamed Ould Cheikh Abdallahi, tiñan entrado, á forza, no pazo presidencial.

Redacción - 14:00 06/08/2008
O presidente de Mauritania, Sidi Mohamed Ould Cheikh Abdallahi / Imaxe: Reuters

O presidente de Mauritania, Sidi Mohamed Ould Cheikh Abdallahi / Imaxe: Reuters

O presidente de Mauritania, Sidi Mohamed Ould Cheikh Abdallahi, foi detido esta cuarta feira de mañá pola Garda Presidencial, en plena crise política e tres anos despois do golpe de Estado que o levara ao poder.

"Axentes do BASEP (Batallón de Seguridade Presidencial) chegaron á nosa casa cara as 09:30 horas (11:30 horas no Estado Español) e levaron a meu pai", declarou á axencia Reuters a filla da mandatario, Amal Mint Cheikh Abdallahi. Segundo fontes presidenciais, o exército do país tamén secuestrou o primeiro ministro, Yahya Ould Ahmed El Waghef, e o ministro do Interior, Mohamed Ould Rzeizim.

Segundo informaba a cadea de televisión panárabe Al Jazira, foi o xefe da Garda Presidencial, o xeneral Mohamed Abdelaziz, quen fora destituído polo presidente, o que levou o mando na toma do Pazo Presidencial en Nuakchot, capital do país. O golpe tamén se perpetrou noutros edificios públicos; así mesmo, pecháronse todos os medios de comunicación locais.

Inestabilidade Política
Ao parecer os militares rebeláronse impulsados pola reorganización na dirección da xendarmería e das gardas nacionais que estaba a desenvolver o presidente mauritano. A cuarta feira de mañá o xeneral Abdelaziz e o xefe do Estado Maior do Exército, Mohamed El Ghazuani, xa foran substituídos por outras persoas.

O presidente Sidi Ould Cheikh Abdallahi chegara ao poder en 2007, nunha complicada segunda volta que os observadores internacionais aprobaron pola súa transparencia. No seu primeiro discurso, tras saber que gañara, Abdallahi dixo que o país debía construírse "en base ás normas de xustiza e desenvolvemento económico".

Nada máis chegar ao poder, substituíu por completo a Xunta Militar que gobernada tras derrocar, nun golpe de Estado, o presidente Muauia Uld Taya, que estivo no poder entre 1984 e 2005. Naquela altura o exército xustificara o golpe como unha acción necesaria para conducir ao país a unha "democracia aberta e transparente".

Un golpe meditado nunha difícil situación
En maio o presidente mauritano destituía o goberno a causa das críticas recibidas pola súa resposta á suba dos prezos dos alimentos e os ataques efectuados polo brazo de Al Qaida no norte de África. Porén, o novo goberno no poder (formado sen a opositora Unión de Forzas para o Progreso, UFP, e os islamitas de Tawassul, que estiveran no anterior gabinete) dimitiu o mes pasado, cando se ía enfrontar a unha moción de censura.

Esta mesma semana, a maior parte dos deputados afíns ao presidente abandonaron, en masa, o partido de Abdallahi, o Pacto Nacional para la Democracia e o Desenvolvemento (PNDD-ADIL), unha acción que, segundo fontes políticas, foi apoiada por altos mandos militares.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: