Esta semana actuarán An Avel (Bretaña), Transpiradansa (Bélgica), Gabú (Guiné Bissau) e SonDeSeu.
Vigo acollerá esta semana o acto de constitución da primeira Rede Europea de Orquestras Folk, e converterase na sede permanente desta federación, que agrupa a formacións de Galiza, Bélxica, Finlandia, Italia, Francia e Escocia.
O nacemento desta rede coincidirá cun festival internacional, que terá lugar o mércores e o xoves no Auditorio de Castrelos, a partir das dez e media da noite. O mércores intervirán as orquestras An Avel (Bretaña) e Transpiradansa (Bélxica); mentres que o xoves actuará a orquestra folk Gabú (Guiné Bissau), e os anfitrións, SonDeSeu, a primeira orquestra folk estábel de Europa.
Rodrigo Romaní, director de Sondeseu, afirmou que o obxectivo da federación é "crear unha rede estábel" para que as formacións folk "teñan onde tocar", así como "crear infraestruturas para o futuro, desde o punto de vista do espectáculo, pero tamén da educación e formación". Ademais das actuacións de Castrelos, o nacemento desta rede tamén se celebrará con outras actividades paralelas, como obradoiros sobre instrumentos propios de cada un dos países participantes, ou animación de rúa, coa presenza destas formacións na rúa do Príncipe e na Praza da Constitución.
Ademais dos seus proxectos discográficos ('Mar de Vigo' e 'Trastempo'), Sondeseu tamén iniciou outras actividades, como a constitución dunha escola de música folk en Guiné Bissau.