Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entre o abano de estratexias

O posíbel adianto electoral a outono axita os cuarteis políticos

En principio, existe a convicción de que na axenda os comicios están fixados para marzo, malia aumentaren as voces sobre un posíbel, pero improbábel, adianto a finais de 2008.

Redacción - 09:30 29/07/2008

Non é o plan a día de hoxe, pero logo da cita congresual dos socialistas a pasada fin de semana, gaña peso no interior deste partido a voz dos que apostan por chamar os cidadáns ás urnas antes de que remate o ano.

Desde o contorno do PSdeG atribúeselle a Xosé Blanco a posíbel suxestión de optar polo adianto electoral, un cambio de data que deixaría os comicios na altura do mes de novembro. Malia todo, e segundo puido saber Vieiros, o secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, si consultou durante o recente congreso do partido ao respecto desa posibilidade. Touriño tiña a intención de pulsar o ánimo co que o PSdeG afrontaría ese adianto, malia que a día de hoxe a axenda política interna ten marcada a cita coas urnas para o mes de marzo de 2009, o considerado un "adianto técnico" para que a votación non coincida coas eleccións europeas do mes de xuño.

Sobre o mesmo asunto, o vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, aseguraba este luns que non hai cambios sobre a previsión inicial de convocar os comicios en 2009. "En principio non se decidiu adiantar a este ano", afirmou, recordando que todo o máis que se produciría sería ese adianto técnico a marzo.

Todas as formacións "en garda"
Así e todo, e malia que hai semanas que se comenta ese extremo, o ruxerruxe saído dos corredores do Pazo de Congresos durante a fin de semana saltou á primeira plana especialmente este luns. Fronte a esa opción de adianto, o voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, dixo considerar "irresponsábel" a especulación coa data das eleccións. Quintana subliñou ademais que se acolle á "palabra dada" no seu momento por Pérez Touriño, quen lle asegurou que se completará a lexislatura "con normalidade". Na opinión de Quintana, a situación de crise fai necesario "estabilidade e acción de goberno" para afrontar o escenario económico, mentres que o debate sobre a data electoral crearía unha innecesaria "incerteza". "A sociedade reclámanos que gobernemos e deamos a cara", explicou Quintana, asegurando que o BNG non contempla esa posibilidade.

Así e todo, portas adentro, o BNG si estaría traballando sobre a realidade da existencia desa dúbida nos cuarteis socialistas sobre o adianto ou non a 2008 dos comicios. A dúbida medra ao ser o propio Touriño menos firme no desmentido, deixando caer que as eleccións serán convocadas "en función do interese de Galiza", e na convicción de que varios conselleiros se amosarían en privado xa favorábeis a que a votación sexa en novembro. As suspicacias dos nacionalistas aumentarían ademais co temor de que desde a beira socialista do Goberno se tense a relación no bipartito co obxectivo de precipitar unha crise que servise de escusa para o adianto. Por outro lado, desde o PPdeG traballan desde hai tempo coa previsión de que os comicios sexan en marzo, e malia que un adianto non lles pillaría co pé cambiado, consideran que o escenario económico en 2009 facilitará o labor de erosión ao PSdeG en beneficio dos populares.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: