Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INVESTIGACIÓN

A USC avanza no campo da visión artificial

Traballa en proxectos de procesado automático de imaxes, diagnose de doenzas oculares e identificación do contido de arquivos gráficos.

Redacción - 09:30 29/07/2008

O Grupo de Visión Artificial da Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a traballar nun sistema de procesado dixital de imaxes que se poderá aplicar para a vixilancia de edificios ou a seguridade da condución.

O proxecto, coordinado por Diego Cabello, Xosé Pardo e David Villarino, traballa en tempo real e inspírase na visión humana. Imita o modelo natural na selección e procesamento da información visual de baixo nivel para reducir a cantidade de información a analizar. Segundo os seus responsábeis, este tipo de liña de investigación está en auxe porque acelera o proceso de visión da máquina. Nesta liña, xa se están a desenvolver contratos de transferencia tecnolóxica con empresas do sector da automoción e da seguridade.

Outro dos traballos do grupo é a diagnose de doenzas oculares con grande incidencia na poboación, como a diabete ou a hipertensión. Esta investigación, dirixida pola profesora María Xosé Carreira en colaboración con médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, emprégase en distintos estudos con empresas farmacéuticas para avaliar os resultados dos fármacos sobre a enfermidade.

Unha parte do equipo do Grupo de Visión Artificial da USC, dirixida por Antonio Mosquera, está a desenvolver buscadores informáticos de imaxes, coa colaboración da Universidade da Coruña. Pretenden crear un programa que incorpore unha descrición detallada da información que contén unha imaxe. Deste xeito, será máis doado atopar nos buscadores un elemento concreto segundo o seu contido, fronte ao que fan os servizos actuais, que clasifican as imaxes polo contexto textual.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: