Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XI Congreso do PSdeG-PSOE

Renovación por ampliación

Malia que en global a Comisión Executiva se renova nun 50%, xa que 19 persoas manteñen os seus postos e entran outras tantas novas, se se exclúen os vogais, a renovación cae ao 34,78%, xa que o verdadeiro núcleo duro do órgano de dirección se amplía en catro membros até os 23 e só entran oito caras novas.

Europa Press - 09:00 28/07/2008
Tags:

A principal novidade da nova Executiva socialista é precisamente que reproduce o organigrama aprobado no último cónclave federal do PSOE, ao crear unha vicesecretaría xeral para Ricardo Varela, home próximo a Xosé Blanco que até o de agora exercía como secretario de Organización, posto que pasa a ocupar unha muller, como se fixo en Madrid co ascenso de Leire Pajín.

Así, aúpase ao número tres do PSdeG á deputada autonómica, Mar Barcón, pero a Executiva deixa de ser paritaria no seu conxunto, xa que conta con 22 homes e 16 mulleres. Ademais, entre os 23 postos do núcleo de decisión da Executiva só hai oito mulleres fronte a 15 homes.

Malia que o XI Congreso decidiu a creación do Consello Territorial, no cal estarán representados os alcaldes das seis grandes cidades, ademais do tenente de alcalde de Pontevedra, Touriño tamén meteu na Executiva aos rexedores de Ourense, Francisco Rodríguez, e de Ferrol, Vicente Irisarri, como premio por conseguir estas alcaldías nas últimas eleccións municipais. Ademais, tamén estará representado o poder local socialista cos alcaldes de Fene, A Estrada, A Pontenova e O Barco de Valdeorras. Tamén entrou a vicepresidente da Deputación de Lugo, Lara Méndez Núñez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, conseguiu que se incluíse o seu xefe de Gabinete, David Regades.

A Executiva tamén conta con 14 deputados, incluído o propio Emilio Pérez Touriño, e este reforzo do grupo parlamentario na cúpula dirixente do PSdeG supón a entrada do vicevoceiro parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga, quen nas municipais de 2003 se incorporou como independente á lista do PSOE no Concello de Santiago de Compostela tras abandonar o BNG. Ocupará a secretaría de Política Municipal.

No congreso quedou ratificada así mesmo a decisión de convocar congresos provinciais despois das eleccións galegas, tal e como estabelecera o Congreso Federal, para asimilar a organización galega ao resto de federacións socialistas e activar a estrutura provincial por enriba da comarcal, que quedará como órgano de coordinación política.

Negociacións de última hora
Tamén permanece na Executiva, aínda que só como vogal e perde a secretaría de Medio Ambiente e Territorio, a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, mentres que quedou fóra a última hora o deputado autonómico Pablo López Vidal por presións, segundo as fontes consultadas, do ámbito do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.

Como efecto colateral, tamén caeu da Executiva o senador por Ourense Miguel Fidalgo, home próximo ao secretario provincial. Así mesmo, as negociacións mantidas até última hora da madrugada do sábado e dende primeira hora da mañá do domingo nun hotel próximo ao Pazo de Congresos tamén provocaron que a última hora se lle fixese un oco ao ex reitor da Universidade de Santiago Carlos Pajares para que continúe no núcleo duro da dirección.

Pola súa parte, o voceiro parlamentario dos Socialistas, Ismael Rego, ten a súa praza garantida como membro nato da Executiva --con voz pero sen voto--, ao igual que os presidentes das deputacións de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e d'A Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o presidente da Fegamp e alcalde de Ames, Carlos Fernández.

Da Executiva sae a ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, que entrara no anterior cónclave, pero aumenta a cota de conselleiros na cúpula directiva do PSdeG coa entrada de María Xosé Caride como responsable da Secretaría de Economía e Territorio, que se une a Ricardo Varela, Carmen Gallego e Manuel Vázquez. Touriño tamén manterá na Executiva a estreitos colaboradores seus no Goberno, como Abel Losada e Teresa Facal.

A nova Executiva que dirixirá o PSdeG os próximos catro anos conta con tres secretarías de área máis respecto á saínte e dentro deste organigrama, refórzase a estrutura con catro grandes áreas: a de Economía e Territorio, que ocupará María Xosé Caride; a de Liberdades Públicas e Dereitos Cidadáns, que dirixirá Beatriz Sestayo; a de Política Institucional e Relacións Parlamentarias, na que segue Antón Louro; e a de Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible, para Manuel Vázquez. Tamén haberá novas secretarías de área como unha específica para Deporte e Ocio.

Pero ademais, porá en marcha unha comisión permanente dentro da Executiva que se reunirá con periodicidade quincenal para analizar os asuntos do día a día, na que estarán representados Touriño, Varela, Mar Barcón, os catro secretarios de área e os secretarios provinciais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: