Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XI Congreso do PSdeG-PSOE

Labazadas para PPdeG, tiróns de orellas para BNG e afagos sen autocrítica

Coas eleccións á volta, a propia convicción da necesidade de renovar a operatividade interna e a única autocrítica concedida polos socialistas.

Redacción / Europa Press - 09:00 27/07/2008

Nese contexto, a reafirmación interna incluíu boas cotas de belixerancia á hora de xulgar os rivais políticos.

"Desfixémonos desa choiva fina de resignación e clientelismo, e en canto lla quitamos de enriba ao país, apareceu a Galiza das capacidades, a innovación e os emprendedores", dicía Emilio Pérez Touriño cara ao peche da intervención na súa proclamación como secretario xeral do PSdeG, zoupando duro no PP ao tempo que chamaba aos seus a loitar para que o seu partido teña "a confianza maioritaria do pobo de Galiza".

Nesa mesma liña, internamente e durante o debate anterior do informe de xestión, Touriño estendera a súa belixerancia cara ao BNG, mesmo insinuando que os seus socios no Goberno "comparten" co modus operandi dos populares esquema estratéxico de "redes clientelares".

Blanco rexeita o conflito lingüístico cun discurso bilingüe
Na súa intervención durante a apertura do congreso, o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, afirmou que ao PP acontécelle o mesmo que aos que "collen moita carreiriña para pegar un chimpo moi pequeno". "Para xirar ao centro, primeiro necesitan irse á extrema dereita", dixo Blanco ao respecto, "pero non o dan atopado", engadiu.

Ao fío, criticou que se estea intentando "crear un conflito lingüístico en España", problema que na súa opinión "nunca existiu". Blanco opinou que se trata dunha estratexia da dereita "especialista en dividir a uns fronte a outros". "Non me sorprende por Rajoy, que non é galego nin é nada", comentou ao respecto. Na mesma liña, aproveitou para responsabilizar o PPdeG do fracaso da reforma do Estatuto en Galiza por supeditárense "á estratexia da crispación dirixida por Rajoy". Un asunto que considerou "clave" para a próxima cita coas urnas.

Varela reprocha que a oposición "non está á altura das circunstancias"
"Neste país hai algo que non está á altura das circunstancias: a oposición, o PP", insistiu o secretario de Organización do PsdeG, Ricardo Varela. "Ninguén é capaz de recordar unha proposta, unha mísera achega ao país durante estes tres anos", dixo o político lugués, para quen os populares só proporcionaron ao escenario político galego neste tempo "crispación, insultos e descualificacións".

"A súa especialidade son os xulgados, onde lles van outorgar un premio ao cliente do ano, porque é o recurso e a xustificación do que non quere nin sabe facer leal oposición política", censurou, en referencia ao último episodio a conta da polémica pola axente electoral.

Varela dixo ser optimista fronte ao partido "reforzado" que na súa opinión sairá deste congreso. "O PsdeG vive inmerso na sociedade, somos a sociedade galega, por iso non podemos vivir alleos á realidade, hai males que viñeron de fóra pero aos que hai que facer fronte aquí", afirmou en relación ao contexto económico, expresando ao fío que "se os socialistas somos necesarios co vento a favor, somos imprescindibles cando arrecia a tormenta".


2.6/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: