O Coinasa Halcones de Vigo conseguiu, a pasada fin de semana, o ascenso a División de Honra logo de vencer, nos dous encontros da eliminatoria directa, ao Sevilla Red Sox.
O Coinasa Halcones, que naceu hai catro anos en Vigo, fixo historia ao se converter, esta fin de semana, no primeiro equipo galego que ascende á máxima categoría do béisbol estatal.
O sábado disputouse a última xornada da fase final, á que chegaban os vigueses empatados a vitorias co seu rival, o Sevilla Red Sox. Era gañar e ascender ou perder e quedar sen a ilusión e a oportunidade de xogar entre os mellores.
Finalmente, os de Vigo impuxeron a súa calidade e, grazas ao apoio do público que se reuniu no campo, na parroquia de Bembrive, gañaron os dous partidos e o arelado ascenso, culminación dunha tempada que comezaba en abril e na que, pasados xa certos problemas económicos, ninguén pensara en subir á máxima categoría. Mais os bos resultados fóronse sucedendo, e o equipo non perdeu un só partido na casa, o que os situou na primeira posición.
Na vindeira tempada xogarán contra equipos como o Barcelona e o actual campión, o Marlins Puerto Cruz canario. O primeiro obxectivo será conseguir a permanencia, debido, sobre todo, ás limitacións económicas.