Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRIMINAIS DE GUERRA

O nazi máis buscado podería estar en Chile

A principal organización que loita pola detención de criminais de guerra nazis investiga o paradeiro do chamado 'doutor morte'.

Redacción - 11:55 09/07/2008

'O carniceiro de Mauthausen' ou o 'doutor morte' son só algúns dos alcumes polos que se coñece a Aribert Heim. É o segundo entre os criminais de guerra nazi máis buscados do mundo e está fuxido da xustiza dende hai máis de catro décadas. Agora, o centro israelí Simon Wiesenthal (CSW) cre que podería estar en Chile e até alí desprazou a unha delegación para poñer en marcha unha operación de busca contra este criminal.

Esta organización ten previsto ir ao sur do país onde continuará coa súa investigación, despois de que os indicios apunten á cidade chilena de Puerto Montt, onde actualmente reside a súa filla. Ademais, CSW está a ofrecer unha recompensa de 450.000 dólares por Heim, un esforzo co que queren evitar que prófugos nazis anciáns morran antes de pagar polos seus crimes.

O 'doutor morte'
Heim exerceu como médico nos campos de concentración de Saschenhausen, Buchenwald e Mathausen, onde asasinou en 1941 a centos de prisioneiros aplicándolles inxeccións no corazón. Entre outras atrocidades, está documentado que retiraba os órganos das súas vítimas sen anestesia, ou que lles inxectaba gasolina ou veleno.

Os prisioneiros relataron procedementos dunha inusitada crueldade: como por exemplo extirpacións sen anestesia ou deixar aos pacientes morrer na mesa de operacións. Ademais amputaba pernas e brazos e cronometraba o tempo que tardaban en desangrarse as súas vítimas.

Corenta anos de busca
Aribert Heim ten 93 anos e leva 44 fuxindo da xustiza. Hai xa máis de dez anos, as investigacións revelaron que Heim se agochaba nunha urbanización de Alacante, pero ninguén se interesou entón naquela pista.

A que se coñece agora é unha campaña lanzada polo centro Simon Wiesenthal, coñecida polo nome de 'Operación última oportunidade', lanzada en nove países europeos para incitar aos cidadáns a que denuncien aos criminais de guerra a cambio dunha recompensa monetaria. Ata hoxe, 79 sospeitosos foron levados xa ante a xustiza.


Ligazóns

4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: