Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
XOÁN MIGUEL BARROS

"O radon é un problema de saúde pública"

O responsábel do Grupo de Radon de Galicia da USC insta a que se tomen medidas para protexer as vivendas do gas, que emana do subsolo de moitas zonas do país e é a segunda causa do cancro de pulmón.

M. del Río - 11:20 12/07/2008
Xoán Miguel Barros

Xoán Miguel Barros

O profesor Xoán Miguel Barros, responsábel do Grupo de Radon de Galicia da USC e profesor da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, acaba de presentar os primeiros resultados do mapa que está a elaborar sobre a concentración do gas no país. Segundo as medicións, as comarcas con maior risco son as do Sar, Santiago e Barbanza. O radon, gas nobre radioactivo, é a segunda causa de cancro pulmonar, por detrás do tabaco.

Pero o problema non é vivir nunha zona de risco, senón o feito de que as edificacións non están protexidas desas emanacións do subsolo nin hai normas que obriguen a facelo. Barros leva máis de dez anos enfrontándose á desidia das administracións, dos construtores e mesmo dos propios veciños, para conciencialos de que tomen medidas que son correntes dende hai décadas nos países desenvolvidos.

As súas investigacións expoñeranse do 14 ao 18 de xullo en Noia, no curso de verán da USC 'Actualización do gas radon como factor de risco ambiental para a saúde humana: implicacións das administracións, dos profesionais e dos cidadáns’. Nesas xornadas, entre outras accións, formularanse recomendacións no tocante á construción e ás reformas que se deben realizar nas casas.

Vieiros: Cales son as características das zonas máis afectadas polo radon?

A primeira razón de que nunha área poidamos atopar maior concentración de gas nun edificio depende fundamentalmente do tipo de solo, e tamén das características da casa. Non é o mesmo unha casa ben ventilada e illada. As fendas no solo son un camiño para o gas, que se abre paso polos buratos de saneamento, eléctricos... A calidade de construción da vivenda inflúe, aínda que pode ter materiais de moita calidade pero ter igual alta concentración de radon. A OMS elaborou un programa de redución que recomenda que se empecen a adaptar as construcións de edificios e vivendas, tamén as instalacións públicas. En Francia, dende 2005 é obrigatorio medir e reducir o radon nas construcións. Estamos a comprobar que o mapa que elaboramos coincide co mapa de radiación nuclear, que é un estudo xeolóxico. As medicións de radiación nas casas están relacionadas coas do solo. As zonas máis afectadas da Península son Galiza, o norte de Portugal e, en xeral, toda a zona oeste, con alto risco de radioactividade natural.

Como se poden evitar os seus efectos?

Fundamentalmente, hai un conxunto de solucións económicas e sinxelas que se poden efectuar cos materiais de construción de hoxe en día para evacuar ese gas. No aire exterior a concentración é mínima. O ideal é introducir sinxelas medidas no momento de construír. Destas medidas falaremos a semana que vén no curso que imos dar en Noia. Foron propostas hai xa 5 anos polo instituto Eduardo Torroja, que estará na actividade. Porén, ao final, estas medidas non se introduciron no código técnico da edificación. Se fose un problema que afectase a áreas máis desenvolvidas, como Cataluña ou o País Vasco, teríase en conta. Madrid é a única comunidade que ten a loita contra o radon no seu programa de prevención do cancro. Son medidas moi sinxelas, co obxecto de reducir o gas e a taxa de tumores pulmonares (do 12 ao 15% están relacionados co radon). É unha evidencia científica.

Tivo problemas para conseguir que tivesen presenza no curso os sectores implicados?

Ademais, tivemos problemas para que algúns sectores aceptasen vir á nosa mesa redonda. Os que están máis implicados non toman conciencia. Os construtores creo que non teñen visión de futuro (son medidas que xa se toman dende hai 30 anos nos EUA e en Europa). Evitar a concentración de radon non vai encarecer nin 3.000 euros o custo da construción, practicamente o mesmo para unha casa invidual que para unha torre de 100 vivendas. É un gasto ridículo. Asombra que a ninguén se lle ocurrise constituír empresas dedicadas a isto.

Á hora de elaborar o mapa, moitas persoas non quixeron participar, nalgunhas zonas arredor do 50%, a pesar de que lles garantimos total confidencialidade. Hai moita información en internet sobre o radon e as solucións para reducilo. Como é posíbel que aquí non se poidan levar a cabo? Son solucións moi sinxelas que funcionan. A xente de Madrid que vai estar no curso presentará experiencias que levaron a cabo en Salamanca e que reduciron o 99% do radon.

E como se poden concienciar as administracións, os construtores...?


O descoñecemento é a nai dos desastres: o medo ao descoñecido. Se non se coñece un problema, non se pode medir na súa xusta proporción. Cada vez que falo coa prensa recordo que o problema provén do subsolo, non do material de construción (como o granito), que non supón o 20% do radon de toda a casa. Vivir nunha casa de pedra non é un problema. Cunha ventilación de dúas horas redúcese o 25% da radiación. Substituíndo o granito, só o 20%. Tampouco é a solución ventilar dúas horas, pois tamén é un problema de aforro enerxético, pero si uns minutos a primeira hora da mañá son aconsellábeis.

Estamos diante dun problema para a saúde pública?

Si, é un problema de saúde pública. Dígoo pola experiencia dos Estados Unidos, do Reino Unido e dos países nórdicos, que foron pioneiros neste tema. De feito, xa hai anos eliminouse unha urbanización na costa sueca onde se detectaron altos niveis de radiación, e despois volveuse construír, tomando medidas para eliminar o radon. O asunto non é prohibir a construción, senón informar, sobre todo as administracións locais (por certo, que a Fegamp aínda non confirmou a súa presenza na mesa redonda), que son as que teñen máis competencias neste caso. Estarán presentes cinco consellarías, sectores como os arquitectos, os médicos, asociacións de consumidores... e gustaríame que estivesen os construtores, non tanto para falar, senón para que asistisen ao curso. Non pode ser que exista un descoñecemento tan grande e non haxa interese en eliminalo. Levo máis de dez anos tentándoo.

O ano pasado rematou o proxecto da OMS, que xa saíu na prensa unha chea de veces. A OMS recomenda tomar medidas de prevención do radon. Hai que recomendar, nas zonas afectadas, construír con medidas preventivas. Nos EUA fanse medicións e, se non se cumpren, non se poden nin vender as vivendas se non están por debaixo do nivel recomendábel. É un negocio que move millóns. É a segunda causa de cancro de pulmón por detrás do tabaco. Aínda que a bastante distancia (12% fronte ao 85%), é máis fácil de erradicar ca o tabaco: é un factor ambiental.

Cando se vai presentar o mapa do radon en Galiza?

Os mapas sérvennos para planificar ben as medidas que hai que tomar. Que hai máis importante que evitar un risco para a saúde? O mapa estaría rematado xa se houbese un apoio das administracións. Só teño unha persoa que se dedica a isto e mais ao laboratorio, pero o que levamos feito é máis que suficiente. Quédannos por facer un terzo da provincia de Pontevedra e parte de Ourense e algo de Lugo, aínda que estamos a recibir axuda nesta última area. Esperamos que estea rematado en novembro.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: