Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Bloquean a creación da subcomisión de obras

Os socialistas non ven motivos "excepcionais" para meterlle présa a Fomento

PPdeG e BNG reprochan que non se considere "asunto de Estado" a subcomisión de Infraestruturas. O PSdeG contéstalles acusándoos de estar en "pose electoral".

Redacción - 18:30 03/07/2008

"En Galiza o PSOE está supeditado ao goberno español, e por iso eu obviarei o de Partido Socialista de Galicia", afirmou este xoves o voceiro do PP no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas. Foi despois de que, unha vez máis, fracasase o acordo entre os tres grupos parlamentarios para o impulso dunha iniciativa conxunta para solicitarlle ao goberno español un órgano no seo da Comisión Mixta Estado-Xunta que garanta cumprimento dos prazos da alta velocidade ferroviaria. Segundo Ruíz Rivas "o PSOE é o único culpábel" da imposibilidade do acordo.

Tamén foi crítico o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, quen expresou a súa "perplexidade" pola posición mantida polos socialistas. "É difícil entendelo" dixo Aymerich, asegurando agardar "desculpas e explicacións" por parte do PSdeG. O principal obstáculo semellaba o día anterior quedar superado, ao renunciar o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a liderar a comisión en favor da conselleira de Política Territorial. Con todo, Aymerich dixo esperar que finalmente sexa posíbel o pacto e se impoña "a racionalidade política" para poñerlle unha "demanda firme" na mesa ao Ministerio de Fomento.

"Pose electoral"
Ao respecto, os socialistas din non ver motivos excepcionais que xustifiquen a iniciativa conxunta, malia que inicialmente estabeleceran as condicións para a negociación desa posición posíbel. Así, e aínda que o propio presidente da Xunta cualificara de "falta de cintura" o rexeitamento dos deputados socialistas no Congreso da proposición non de lei sobre os prazos do TAV a Galiza, o PSdeG evitará de momento o traslado da proposta.

O voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, insistiu na "vontade de diálogo" do seu partido e pediu que cada grupo presente a súa propia iniciativa. Segundo Rego, as as principais diferenzas de criterio estarían en que PPdeG e BNG rexeitan incluír unha referencia explícita á inversión do 8% do Estado e ao inicio inmediato das obras na mina de Serrabal, no tramo Ourense-Santiago do TAV. Por outra parte, Rego definiu de "brinde ao sol" a decisión de Quintana de ofrecerlle o liderado da subcomisión á conselleira de Política Territorial.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: