Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Consenso imposíbel de momento

O PSdeG mantén o bloqueo á comisión de seguimento de infraestruturas

PPdeG e BNG poderían aprobar sós o proxecto, mentres os socialistas insisten en que propoñen unha iniciativa máis ambiciosa.

Redacción - 09:00 02/07/2008

"O PSdeG non é unha organización soberana como o PSC", analizaba este martes o voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, despois do frustrado intento de chegar a un acordo para o estabelecemento dunha comisión de seguimento en materia de infraestruturas. Con este proxecto, os nacionalistas pretendían garantir o control do cumprimento dos prazos e investimentos fundamentalmente no que lle toca á alta velocidade ferroviaria. "Isto pasáballe antes ao PP, e agora é o PSOE, que pon os intereses a nivel estatal por riba dos intereses de Galiza", afirmou. Con todo, Aymerich insistiu en que o Bloque non descarta poder chegar finalmente a unha posición conxunta onde si se poidan integrar os socialistas.

En parecido sentido, o voceiro do PP no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas, considerou que despois de "descolgárense do acordo a semana pasada no Congreso" os socialistas unha vez máis "dificultan un acordo en Galiza e en clave galega". Ruíz Rivas recordaba así o voto en contra do PSOE contra a proposta de control dos investimentos apoiada en Madrid polo resto de formacións políticas no Congreso. "Foi o único que non foi capaz de votar a favor do seu país", insistiu Rivas.

Mentres, o voceiro do PSdeG no Parlamento, Ismael Rego, xustificou a posición do seu partido salientando a iniciativa que o seu grupo rexistrou Cámara o pasado venres. Na opinión de Rego, trátase dunha opción "máis ambiciosa e máis concreta" que a aprobada no Congreso. Ademais, instou aos grupos a que presenten as súas propias propostas "con total normalidade" e rexeitou incluíla no pleno extraordinario que se celebrará este mes de xullo porque "non hai ningunha excepcionalidade".

Quintana pide "unha postura de país, e non de partido"
Malia a posibilidade aberta de que a proposta saia adiante só co apoio de PP e BNG, o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, opinaba este martes que a creación da comisión debera ir unida a unha posición "unánime e firme" dos tres grupos parlamentarios. Segundo Quintana, iso será posíbel coa superación de "calquera criterio partidista que permita referendar o acordo alcanzado no Congreso". "A contestación da ministra de Administracións Públicas vai estar en función de que en Galiza haxa a unidade e firmeza política para facer esta reclamación", prognosticou.

Sobre o mesmo asunto, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediulle ao PSdeG que "facilite" a constitución da comisión de seguimento do TAV entre as tres forzas políticas, o Ministerio de Fomento e a Administración do Estado, "para non seguir perdendo tempo nun factor determinante". "Unha proposta conxunta sería unha boa noticia para todos e espero que rectifiquen nas próximas horas porque a alta velocidade é un factor determinante e competitivo para que Galiza non quede freada economicamente nos próximos anos", dixo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: