Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras abandonar a segunda volta das presidenciais

O líder da oposición en Cimbabue refúxiase na embaixada holandesa

Morgan Tsvangirai pasou a noite cos diplomáticos europeos, xa que temía pola súa propia seguridade.

Redacción - 17:25 23/06/2008
Morgan Tsvangirai

Morgan Tsvangirai

O líder oposición en Cimbabue, que este domingo se retirou da segunda volta das eleccións presidenciais, atópase refuxiado na embaixada de Holanda, en Harare, ao temer, segundo a axencia de noticias holandesa ANP (a primeira en dar a nova), pola súa seguridade.

Esta información foi confirmada polo voceiro do xefe da diplomacia da Haia, quen dixo que Tsvangirai "fixo o pedido por medio dun seu partidario, e o ministro (de Exteriores holandés) Maxime Verhagen decidiu darlle esa seguridade que procuraba". O voceiro tamén salientou que a situación na que se encontra o opositor cimbabués é "provisional", e que Tsvangirai aínda non lle pediu asilo ao goberno holandés.

Refuxiado, após decidir abandonar as eleccións
O líder do Movemento para o Cambio Democrático (MDC), partido vencedor da primeira volta das presidenciais, anunciou este domingo que non vai participar no segundo escrutinio, programado para a vindeira sexta feira, alegando non existiren condicións mínimas para a realización dunhas eleccións democráticas. "Deixamos de participar no que é unha parodia do proceso electoral, marcada pola violencia, e ilexítima", afirmou Morgan Tsvangirai. A súa decisión preocupou á comunidade internacional, que instou ao líder africano a reconsiderar o abandono.

Por outro lado, a policía volveu efectuar esta segunda feira un rexistro da sede do MDC, detendo a varios militares e simpatizantes do partido da oposición, que se unen ás decenas que xa están no cárcere. Dende o partido afirmaron que foron asasinados, polo menos, 80 dos seus militantes, e centos foron feridos en incursións armadas, desenvolvidas por milicias que apoian ao actual presidente, Robert Mugabe.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: