Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Exitoso balance da XIV Xornada Ponte nas Ondas

Milleiros de rapaces en rede a prol do patrimonio inmaterial

O Ministerio de Cultura portugués convoca a Ponte nas Ondas para deseñar a estratexia e prazos de presentación da candidatura galego-portuguesa.

Redacción - 09:00 09/06/2008

Os bolos celtas, O territorio do Val Miño, Salvaterra-Monçao: dúas vilas un pobo, A recuperación da Semana Santa en Oimbra, Os 50 anos da escola da Porteliña, Á beira do Louro, Unha troita de pé, O noso Mondoñedo... Foron algunhas das pezas radiofónicas ás que o pasado venres puidemos asistir nas ondas das emisoras colaboradoras e mais en internet. Foron arredor de 24 horas de creatividade en rede e de voces unidas en favor do patrimonio inmaterial galego-portugués, nas que se implicaron máis de 70 escolas en sete países diferentes. Unha xornada na que tamén participou Vieiros, onde entre outros, propuxemos un trivial con varias cuestións arredor do patrimonio común de Galiza e o Norte de Portugal.

E como xa lles avanzabamos a pasada semana, a nova oportunidade na Unesco para a iniciativa galego-portuguesa recibiu un primeiro empurrón desde Portugal, onde o executivo se comprometeu a colaborar nos traballos de reformulación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, promovida pola asociación cultural e pedagóxica Ponte nas Ondas. Para os próximos días, o Ministerio de Cultura portugués convocou o colectivo a unha xuntanza no Palacio da Ajuda, en Lisboa, a sede da institución lusa, co obxectivo de tratar polo miúdo os traballos de presentación da Candidatura e fixar prazos e estratexia para conseguir que a Unesco considere a inscrición na Lista Representativa da proposta galego-portuguesa.

Desde o colectivo láianse de que desde a Xunta aínda non haxa resposta á solicitude enviada ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a quen o propio director xeral da Unesco, Koichiro Maatsura, lle recordaba o pasado mes de abril a oportunidade de que Galiza repetise a presentación da proposta en canto se abrise o proceso outra vez.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: