Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
A normalización da lingua no deporte

Nace o Vocabulario galego do baloncesto

A Federación Galega de Baloncesto e Política Lingüística asinaron un acordo para levar a nosa lingua ás canchas.

Redacción - 17:31 04/06/2008

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, asinou esta cuarta feira un acordo coa Federación Galega de Baloncesto (Fegaba) para promover actuacións de normalización da lingua galega nas canchas e nos clubes.

Do acordo sae que a entidade deportiva comprométese a editar en galego materiais de identidade corporativa (fichas, regras, estatutos, circulares, documentación identitaria), documentación e manuais da Escola de Adestradores. Tamén han deseñar, en colaboración con Termigal (Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega), o Vocabulario galego do baloncesto, e crearase un Punto de Asesoramento Lingüístico para o persoal da Fegaba, ademais das ferramentas necesarias para que os clubes dispoñan de webs na nosa lingua.

Ademais, entre outras cousas, os xogadores e xogadoras foráneos han dispor dun kit de inserción lingüística, e traducirase a documentación internacional sobre o baloncesto.

O convenio foi asinado pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, e para que as distintas actuacións que contempla se desenvolvan, a Secretaría Xeral achega 50 mil euros.

O galego, "a canle natural da mensaxe do baloncesto"
No encontro, Marisol López explicou que o acordo quere mudar unha "situación anómala, porque se a maior parte dos galegos falamos galego o lóxico é que as administracións, as empresas, as entidades sociais, culturais e deportivas tamén se expresen en galego".

Polo seu lado, Francisco Martín salientou a intención da Fegaba de traballar diariamente para "asumir o sinal de identidade de todos os galegos: a súa lingua" e de establecer o galego como "a canle natural da mensaxe do baloncesto".


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: