O presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez Frías, denunciou a campaña emprendida pola oposición política en contra da nova Lei de Intelixencia e contraintelixencia, que forma parte da Lei Habilitante.
"Estamos en xornadas de revisión, rectificación e reimpulso, agora teñen toda unha campaña coa nova Lei de Intelixencia e contraintelixencia", afirmou o presidente venezuelano á súa saída da Escuela Técnica Robinsoniana Manuel Palacio Fajardo, da parroquia 23 de Enero en Caracas, onde exerceu o seu dereito ao voto nas eleccións do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV).
"Fíxense na grande contradición na que cae a oposición, eles aplauden a chamada lei patriota, iso si é unha lei ditatorial, a que lle impuxeron ao pobo dos Estados Unidos e aos cidadáns do mundo que, por necesidade ou calquera outra razón, teñen que viaxar para aquel país, a eles case os ispen nos aeroportos, non teñen que ver nin con inmunidades diplomáticas nin nada e se vostede é negro imaxínese, ou se é muller, ou se é indio o arrastran", denunciou.
Destacou que a nova Lei de Intelixencia e contraintelixencia é un texto legal ben pensado para artellar aos corpos de intelixencia venezuelanos.
"Precisamos un escudo de Intelixencia e contraintelixencia, no marco, como sempre o fixemos, do respecto aos dereitos humanos, á liberdade do pobo,", manifestou.
Recordou que a Dirección de los Servicios de Inteligencia y Prevención (Disip) de anos atrás, estivo comandada por Luis Posada Carriles, quen é protexido actualmente polo goberno estadounidense.
"A Disip dese entón era un corpo represivo, cheo de asasinos, de golpistas e de traidores, esa é a Disip que quere a burguesía venezuelana", denunciou.