Ábrese o programa de actividades para conmemorar que o noso país é convidado de honra este ano na Festa Marítima Internacional de Brest.
A Consellaría de Cultura e Deporte abre este domingo na Coruña a campaña de divulgación da cultura marítima do país que se vai desenvolver nas principais cidades. A actividade de promoción servirá de conta atrás cara á participación de Galiza no maior evento do mundo de patrimonio marítimo, do 11 ao 17 de xullo en Brest. Será o país convidado de honra da Festa Marítima Internacional da cidade bretoa.
A conselleira, Ánxela Bugallo, preside o acto de presentación, previsto ao mediodía nos Xardíns de Méndez Núñez, na carpa do proxecto Galicia en Brest. Xunto a ela, participan o presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), Fernando Piñeiro, e o tenente de alcalde da cidade, Henrique Tello.
A cidadanía coruñesa poderá gozar durante o día dunha mostra da cultura marítima tradicional galega, con embarcacións tradicionais, unha mostra divulgativa sobre a relación histórica de Galia co mar, maquetas, xogos infantís e exhibicións. Un carpinteiro de ribeira amosará como se constrúe unha dorna.