Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Actualidade do piragüismo galego

Galiza arrasa!

Antía Loira e Mario Fontán destacaron na Copa de España de Slalom, e o Kayak Tudense gañou o campionato estatal de maratón. Segundo clasificado por clubes foi As Torres Romería Vikinga de Catoira.

Redacción - 13:23 27/05/2008
Antía Loira en plena competición

Antía Loira en plena competición

Todo aconteceu esta fin de semana. Primeiro na Copa de España de Slalom, que se desenvolveu no río Avia, en Leiro e que serviu para que se lucisen os palistas do Club Piragüismo Val Miñor Friota, entre eles a viguesa Antía Loira, que conseguiu a súa terceira medalla de prata da tempada.

Até hoxe ningún palista galego (en embarcación individual) conseguiu subir tres veces ao podio nunha Copa de España. Mais, outra vez, esta campioa galega cadete e primeira de todo o Estado en cadetes de primeiro ano, foi só superada pola catalá Nuria Villarubla, un año maior que ela. A terceira posición foi para a vasca do Santiagotarrak, Leire Ormaetxea.

Tamén destacou na competición Mario Fontán que, a pesar de non conseguir medalla, situouse máis unha vez como o mellor canoísta cadete de primeiro ano do Estado Español.

E no Estatal de maratón
O piragüismo galego volveu amosar en Banyolas (Cataluña) o seu potencial. Desta volta no XIII Campionato de España de Maratón, onde o éxito foi tanto individual como colectivo. Por un lado, destacou o Kayak Tudense, o primeiro clube na clasificación xeral, seguido do As Torres Romería Vikinga de Catoira, segundo. O Breogán Outón Xunqueiriña quedou ás portas do podio, por detrás do terceiro e do cuarto clasificado, o Escuela de Piragüismo Aranjuez e o Iberdrola Caja España Zamora, respectivamente. Outro clube galego participante, o Illa de Arousa, foi sexto.

Nas probas individuais destacaron os éxitos dos galegos Iván Alonso, do Kayak Tudense, segundo en K-1 sénior; e Álvaro Fernández Fiuza, do Iberdrola Caja España Zamora, que foi terceiro.

En C-1 sénior, Tono Campos, do Breogán Outón Xunqueiriña, cumpriu os prognósticos e adxudicouse o Campionato estatal, entrando por diante de José Luis Bouza, do Kayak Tudense, e Pedro Areal, do Iberdrola Caja España Zamora.
En C-2 o campionato foi para os subcampións do Mundo, Ramón Ferro e Óscar Graña, que entraron por diante de Sánchez e Ribadomar, do Breogán; e dos irmáns Costa Bouzada, do Kayak Tudense.

Tamén son de destacar os campionatos conseguidos por Adrián Domínguez, en C-1 cadete; Tania Fernández, en K-1 cadete; e Diego Romero, en C-1 xuvenil.


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: