Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enviado ás asembleas locais

O relatorio marco do PSdeG evita afondar de momento no debate sobre o modelo de partido

Os socialistas galegos agardarán á negociación coa dirección en Madrid ao respecto. Por outro lado, din non ver "suficientemente fiábel" ao seu socio no Goberno.

Redacción - 09:00 20/05/2008

No "lugar central" da política en Galiza din verse os socialistas, que este luns presentaron o seu relatorio marco para o próximo congreso do partido. Fronte a iso, definiron o "conservadorismo inmobilista dun PP confuso e en crise" e referíronse brevemente á "proposta do nacionalismo", reflexionando que nos dous casos se trata de "alternativas que non son suficientemente fiábeis".

Marcando distancia cos seus socios de goberno do BNG, os socialistas apuntan especificamente que teñen "unha idea non nacionalista de nación" e salientan o que cualifican de "tradición autonomista e federal do galeguismo democrático e non nacionalista". De xeito explícito, subliñaron a intención "evidente" de gobernar en exclusiva co programa e as ideas socialistas, aínda que afirmando que non se trataría de "aviso" aos socios no Goberno.

O Estatuto volve á axenda
O PsdeG elixiu que este documento recolla a aspiración dos socialistas de recuperar os "consensos necesarios" para a "reforma e actualización do actual Estatuto de Autonomía". Iso si, nese debate, os socialistas autodefínense como "abandeirados do cambio político e social" e prometen estar á vangarda e "non atados a nacionalismos centralistas". "O PSdeG vaise situar á vangarda, defendendo unha administración pública eficaz e con vocación de horizontalidade", expresou a deputada Beatriz Sestayo ao respecto do proxecto político e institucional.

Por outra parte, en materia económica, os socialistas sinalan como "metas ambiciosas" a converxencia de Galiza co conxunto do Estado e a Unión Europea e a consecución do pleno emprego. Nese camiño, o deputado Xaquín Fernández Leiceaga falou de continuar unha estratexia cara ao "cambio intenso do modelo económico", baseado na ducación, a innovación, o capital humano "e o respecto ao territorio".

Tamén se referiu Leiceaga á necesidade do compromiso do goberno español co impulso aos sectores estratéxicos galegos e de xeito concreto ao mantemento do 8% de investimentos en Galiza para impulsar as infraestruturas pendentes. Ademais, o deputado socialista apuntou que o novo modelo de financiamento autonómico debe ter en conta as "necesidades reais de gasto" e ao tempo "apostar pola solidariedade interterritorial". "Xa temos un estado, que é o Estado español, e cremos que é un elemento fundamental para a modernización de Galiza", comentou ao respecto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: