Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Lucía Atencia, galega en Irlanda

"Aprender irlandés é o mellor que fixen na miña vida"

Mestra en Serantes até 2002, Lucía Atencia vive desde hai dous anos no Gaeltacht de Ciarraí (Kerry), onde se converteu en falante de irlandés.

María Golpe - 09:00 16/05/2008

Hai un par de semanas, o Ministro para o Gaeltacht (zonas falantes de irlandés) visitaba o Bronx, en Nova York, onde inauguraba o novo programa Fulbright para o ensino do irlandés na universidade da cidade (CUNY). Segundo o ministro, o irlandés precisa 250,000 falantes para o 2028 para sobrevivir nun mundo cada vez mais globalizado.

Lucía Atencia vive dende hai dous anos no Gaeltacht de Ciarraí (Kerry). Profesora de educación primaria de Serantes (Ferrolterra), Lucía chegou a Irlanda en 2002. O seu primeiro destino foi Dublín, onde traballou ensinándolles español aos mais cativos en varias escolas da cidade.

Hai case catro anos empezou a estudar irlandés. "Empecei facendo cursos como os de Gael Linn e Gael Chultúr en Dublín, e logo vindo a Ciarraí no verán. Logo entereime de que había un Gaeltacht en Meath e mudeime a vivir alí, aínda que me levaba unha hora e media todas as mañás chegar ao traballo en Dublín", explica. "Cando decidín mudarme a Ciarraí xa se pode dicir que tiña bastante fluidez, despois de dous anos", conta.

Lucía chegou a Ciarraí decidida a quedarse. "O departamento de educación (irlandés) ten un proxecto para promover o ensino de linguas estranxeiras nas escolas de primaria, así que cando cheguei fun de escola en escola para falar cos directores – en irlandés- e explicarlles a existencia desta bolsa – que supón que os nenos poden aprender idiomas gratis e a min pois dábame un traballo como profesora de español de primaria. O feito de que lles falase en irlandés foi decisivo, encantoulles, e animounos a incorporarse ao proxecto".

Varias escolas acolléronse ao programa do departamento de educación gracias ao esforzo de Lucía, que agora lles dá clases de español a cativos en sete escolas do condado (seis no Gaeltacht e unha na vila de Tralee).

"Tendo vivido no Gaeltacht, xa non quero vivir nun sitio que non sexa Gaeltacht. Nos Gaeltacht, a cultura irlandesa esta moito mais viva e o espírito da comunidade é moito mais forte, en xeral. Eu namoreime do irlandés, aprender irlandés é o mellor que fixen na miña vida. O irlandés abriume un mundo incrible, outra perspectiva totalmente diferente", di Lucía. "As linguas reflicten realidades. O irlandés reflexa outro xeito de vivir, de pensar, un mundo diferente"

A vida diaria de Lucía, desenvólvese case totalmente en irlandés – os seus amigos e veciños falan irlandés como primeira lingua- e aos seus alumnos dilles que non entende unha miga se lle falan ‘as Béarla’ (en inglés). "Na escola, aos cativos dígolles que son estranxeira e que non sei falar inglés, que nunca o aprendín, polo que non lles entendo se non me falan en irlandés. Os cativos creno. Para os nenos é tamén unha referencia boa, ver que se valora a súa lingua".

"Coas linguas minorizadas hai que facer un esforzo, sempre tes a tentación de pasarte a outra lingua pero só é unha cuestión de acostumarse. Se che falta unha palabra, en lugar de traducir, e importante explicar no propio idioma, retomar; a xente que coñezas nova falarlle en irlandés, dirixirse sempre primeiro en irlandés, son puntos moi importantes - as cousas sinxelas como gracias ou ola, dicilas en irlandés, para que a lingua forme parte da vida diaria, que estea presente. Como no proverbio, e mellor o irlandés roto que o inglés correcto – Is fearr Gaeilge briste, no Bearla cliste"

A situación do galego e do irlandés é radicalmente diferente, pero a pesares das diferencias, galego e irlandés teñen tamén similitudes importantes.

"Hai moita xente desanimada, que tira a toalla pero o importante é usar a lingua, que sexa parte da túa vida, das túas cousas. Ao principio, dá un pouco igual que estea ben ou mal, porque a lingua tes mellorala usándoa. Esa necesidade de usar a lingua é un punto común entre o galego e o irlandés. As veces temos medo do que a xente pensa. Estamos falando a nosa lingua ou unha lingua que esta en perigo, iso é o único que temos que pensar", di.

“Tamén é importante que o obxectivo sexa usar a lingua como instrumento para facer cousas e non que o único obxectivo sexa aprender a lingua – así a perspectiva cambia e sénteste mais capaz.”

Pero non todo Ciarraí é Gaeltacht, e o condado ten tamén a súa ‘Coruña’ particular. Esta semana, o ministro de medio ambiente, John Gormley, anunciaba posibles cambios na lei para solucionar a disputa amarga entre os que apoian o uso do nome An Daingean e os que apoian o uso de Dingle, en Ciarraí. O Oficial Languages Act establece que os topónimos das zonas de Gaeltacht deben estar recoñecidos oficialmente en irlandés. Sen embargo, parte da comunidade de An Daingean oponse ao uso do nome irlandés – principalmente por motivos comerciais.

"O que pasa en An Daingean (Dingle) é moi similar ao conflito que hai na Coruña co La Coruña/A Coruña. Basicamente, é representación un pouco do conflito entre o que chamamos o ‘wild west’, que é a zona falante de irlandés, e a vila, que aínda que oficialmente pertence ao Gaeltacht ten moita mais poboación anglófona. A comunidade na vila esta dividida entre os que apoian o uso oficial do nome en irlandés e aqueles que por motivos comerciais e turísticos queren conservar o nome anglófono Dingle engadíndolle unha versión antiga do nome en irlandés para que non sexa tan obviamente pro-anglófono. Din que para non confundir aos turistas... pero a raíz é moito mais profunda e a cuestión ten creado conflitos serios entre os veciños.”

O conflito An Daingean/Dingle-Daingean Uí Chúis ten provocado un paso atrás no avance lingüístico que significou o Oficial Languages Act asinado no 2003 (primeira lexislación que estabelece un marco de traballo para promover servizos públicos a través do irlandés). Tras varios anos de dilemas, o ministro Gormley anunciaba esta semana que se - a través de votación - a comunidade local decide escoller a versión irlandés/ inglés como nome oficial para a súa vila, a decisión será respectada – independentemente do que o Oficial Langages Act teña estabelecido.

Nas súas visitas á vila de An Daingean, Lucía fálalle en irlandés aos comerciantes: algúns contestan en irlandés, outros contestan en inglés. “Fágoo un pouco de broma, está ben que se vexa que se fala o idioma para que outra xente sinta a necesidade de falalo tamén e pouco a pouco se vaia expandindo cara fóra dos Gaeltacht. Se non me entenden, pois entón pásome ao inglés aproveitando para ensinarlles algunha palabra en irlandés e que así a poidamos usar a próxima vez. É mellor collelo polo lado do humor e da sedución da lingua, en lugar de impoñelo. Dese xeito sentiran a necesidade de aprender irlandés".

A dublinesa Máire Ui Shithigh, amiga de Lucia, leva vivindo en Ciarraí uns 25 anos. Fora do habitual, Máire foi criada en irlandés en Dublín, xa que a súa nai é dunha zona Gaeltacht de West Cork. Máire esta involucrada en varios proxectos a nivel local para promover o uso do idioma irlandés.

"E moi importante que xente que non é orixinariamente do Gaeltacht fale o idioma. A lingua ten que se expandir para que teña significado. Se non se escoita, a xente nova recibe unha mensaxe negativa sobre o idioma", di ela. "Para alguén como Lucia é tamén importante saber o idioma, dálle unha vantaxe á hora de integrarse na comunidade e a xente do lugar aprecia moito ese esforzo.”

Segundo o censo oficial do 2006 da Oficina Central de Estatísticas (CSO), dos pouco mais de catro millóns de habitantes que ten Irlanda, 40.8% pode falar irlandés (1.9% menos que no censo de 2002) ainda que so 635,000 din que usan o idioma habitualmente.

Sen embargo, para Máire, o irlandés goza de boa saúde (ou de mellor saúde que hai uns anos). O Oficial Languages Act e o feito de que o irlandés sexa finalmente considerado como lingua oficial na Unión Europea, téñenlle dado un recoñecemento oficial que nunca antes tivera.

"Son moito mais optimista que o teño sido no pasado, cando non había suficiente apoio e a xente nova dos Gaeltacht remataba pasándose ao inglés. Hoxe hai unha forte planificación lingüística por parte do goberno e outro indicativo positivo é o feito de que as escolas unicamente en irlandés son cada vez mais populares"

Para Máire, a lingua precisa ‘un numero alto de falantes’ para que sexa viable, dentro e fóra dos Gaeltacht, para que o irlandés se expanda e reclame mais territorio na illa. As escolas primarias integramente en irlandés están de moda na zona leste do país e as novas xeracións de cativos educados en irlandés poden ser a clave da supervivencia e rexurdimento do irlandés.

"A actitude cara o irlandés ten cambiado moito nos últimos anos- hai un ambiente xeral moi positivo cara a lingua, pero aínda se precisa un movemento forte nos Gaeltacht para expandir o idioma cara fóra", explica Máire.


Ligazóns

5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: