Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á espera das emendas antes do Congreso

Feijoo presenta un relatorio de "estatutos" do PP quen non responde ás demandas dos críticos

O líder do PPdeG asegura que a proposta simplifica a estrutura actual do partido e faille gañar transparencia.

Redacción - 09:00 13/05/2008

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, saltou este luns ás primeiras planas estatais logo de presentar o relatorio de estatutos que será debatido no próximo congreso do PP o mes de xuño. Coa confianza plena de Rajoy, a Feijoo tocoulle liderar a elaboración dun documento no que tamén participaron a presidenta do PP balear, Rosa Estarás e Alfonso Fernández Mañueco, secretario xeral do PP de Castela e León.

O texto presentado evita toda referencia a unha das demandas nas que máis teima o actual sector crítico con Mariano Rajoy, tal e como é a posibilidade de que se introduza un sistema de primarias para elixir o cabeza de cartel do partido. Tampouco se inclúen cambios no número de avais necesarios para presentar unha candidatura, que segue sendo dun 20%. O documento completo estará desde este martes a disposición dos máis de tres milleiros de compromisarios do PP, que poderán presentar emendas ao respecto. Feijoo dixo agardar que as propostas de modificación contribúan a "reforzar o partido, a democracia interna e a cohesión interterritorial".

Regulamento do debate interno
Segundo debullou Núñez Feijoo, o relatorio reformula o proceso electoral interno, na fase previa aos congresos do partido. Fíxanse dous momentos: unha primeira fase precongresual, onde se regulamenta a figura do candidato, a campaña e o procedemento previo á proclamación dos compromisarios.

Os relatores aseguraron que pretenden así garantir a "igualdade de oportunidades de todos os candidatos" á hora de accederen aos medios materiais e á información do partido. Engadiu Feijoo que ao "oficializar e protocolizar" este procedemento, váiselle dar máis "transparencia" porque todos os aspirantes poderán facer campaña coas mesmas posibilidades.

"Calquera persoa que queira ser candidata vai poder selo", dixo, "o partido non lle esixirá nada". A segunda fase deste procedemento, a congresual propiamente dita, engádese o requisito de que unha lista non poderá ser presidida por quen non fose proclamado como candidato en fase precongresual. Deste modo, explicaron, os afiliados escollerán os compromisarios que lle representarán no Congreso coñecendo previamente quen son os candidatos a presidir o partido e posteriormente, a través dos compromisarios, elixirán de entre os candidatos ao seu presidente.

Estrutura "máis simple"
"O Comité Executivo, por proposta do presidente, debe estabelecer e axustar a estrutura da mesma forma que o presidente do Goberno axusta o seu goberno en cada momento", explicou Feijoo, para engadir que, polo tanto, a inclusión dun posíbel voceiro do partido tamén debe decidilo o Comité Executivo e o presidente.

Con esa fin, explicou Feijoo que se pretende "flexibilizar e simplificar" a estrutura do PP para "actualizala e adaptala aos retos de futuro do partido". O documento propón reforzar o papel das vicesecretarías xerais do partido, "adelgazar" as actuais secretarías executivas e secretarías e que as competencias dos membros da dirección estatal poidan distribuírse en función das necesidades que se consideren oportunas.

Por outra parte, en canto a coordinación interterritorial, o relatorio prevé crear un Comité Autonómico que "garanta a unidade e coherencia da acción política territorial do PP". Este novo órgano do partido, súmase á Xunta Directiva e ao Comité Executivo. Feijoo recordou que existía xa "un Consello Autonómico", pero sinalou que até o de agora "o seu labor era soamente consultivo".

Tamén se estuda crear a chamada "Oficina do Deputado", órgano co que o PP di querer "elevar o nivel de esixencia que o partido determina os seus representantes públicos". Trátase dun espazo onde os cargos electos "renderán contas persoalmente do seu traballo ante os cidadáns", para atender as súas solicitudes, queixas e suxestións.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: