A selección galega absoluta colleitou un moi bo quinto posto na clasificación final do Trofeo Internacional "Cáceres 2016", entre combinados dun gran nivel.
Os combinados galegos de Salvamento Deportivo acudiron a Estremadura para se medir con algúns dos mellores clubes (o Alcarreño de Salvamento, clube campión de Europa e subcampión do Mundo; o ADN Cáceres, o UDC Sur, o San Jorge, o Club Oriol, Salvamento Almendralejo, entre outros) e seleccións (a holandesa, a francesa, a alemá, a portuguesa ou as das comunidades de Madrid, Cataluña, ou Castela-A Mancha) do mundo no IV Trofeo Internacional "Cáceres 2016".
O nivel que había notouse: batéronse 4 marcas do campionato e mesmo dúas marcas estatais. Os galegos tamén bateron marcas propias e trouxeron 6 medallas de volta.
As clasificacións de Galiza
A selección galega absoluta conseguiu un quinto posto na clasificación final da proba, sendo superada polos todopoderosos combinados de Madrid, Cataluña, e quedando a moi poucos puntos do terceiro clasificado, o mellor clube de Europa, o Alcarreño. Mais Galiza quedou por diante de autonomías como Castela-A Mancha, e clubes consagrados como o anfitrión ADN Cáceres, a AD Rondilla ou o CN Mirasierra de Madrid.
Na categoría cadete, os mozos galegos foron terceiros, levando un premio económico propio. As mozas foron cuartas.
As medallas e as mellores marcas
As medallas galegas foron para Cristina García Marín (que foi terceira absoluta feminina en 200 obstáculos, quedando a só 4 décimas da mellor marca galega absoluta); para Miren Vicente, Cristina García, Silvia Caneda e Silvia González (subcampioas e con nova mellor marca galega no relevo absoluto feminino 4X50 obstáculos); para Rubén Fernández, Jorge Vega, Isaac Cameán e Diego López (no relevo absoluto masculino en 4X25 arrastre, onde conseguiron o bronce nunha espectacular final na que rebaixaron a mellor marca galega en 6 segundos); para Henar García (segunda cadete na proba de 50 rescate con aletas) e para o equipo de relevo feminino cadete, na proba de tubo, na que fixeron unha nova mellor marca galega.
Tamén bateron a marca galega os mozos cadetes, no relevo de tubo, aínda que finalmente, debido a unha decisión arbitral, foron descualificados.
Outras marcas foron batidas por Jorge Vega (na proba de 50 rescate, quedando sexto na final); Cristina García Marín (na proba de 100 socorrista, baixando en 3 segundos a marca anterior); e Enrique Ramilo (na proba cadete de 100 supersocorrista, quedando 4º).
Hai sete anos que non se batían tantas marcas galegas nunha competición, cousa que se ve proba do alto nivel que teñen os deportistas do país.