A presunta inoperancia do actual rexedor, que leva doce anos no cargo, sería o motivo do enfrontamento cos seus propios compañeiros.
O presidente do PP coruñés, Juan Juncal, asegurou esta terza feira que o alcalde do Concello de Moeche presentará a súa dimisión o próximo xoves, despois do festivo local na vila este mércores. O PPdeG espera resolver así a crise sen chegar ao estremo da moción de censura, e deste xeito o negociaron nas últimas horas o propio secretario xeral do partido, Afonso Rueda, e os edís implicados na rifa.
Os catro edís comprometeríanse así a retirar a moción de censura unha vez que o rexedor, Xulio Cribeiro, dimita do seu cargo. Os concelleiros argumentan "problemas de criterio á hora de tratar os problemas do Concello", que estaría nunha situación económica especialmente complicada e sen un plan claro para resolvela.
A moción de censura fora presentada na mañá deste martes, co apoio do único concelleiro socialista no municipio. O secretario municipal fixou para o próximo 6 de maio a celebración do pleno extraordinario onde se debatería. Se finalmente se confirma a dimisión de Cribeiro, non será necesaria, xa que a lista moverase e será elixido alcalde o actual segundo.