Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
A PRENSA ESPAÑOLA CHAMA Á COMPRA DE ACCIÓNS A PREZO DE MERCADO NACIONALIZACIÓNS

"Nacionalizacións" en Venezuela

Afeitos a unha prensa submisa a intereses nada ocultos lemos abraiados que en Venezuela existe un proceso de nacionalización, sendo o seu primeiro paso a "nacionalización " da compañía eléctrica e a de teléfonos seguida da siderúrxica e da indústria do cemento. Achegándonos á realidade o que exisitiu foi a compra de máis da metade das accións, a prezo de mercado bursátil, por parte do Estado venezuelano e non unha nacionalización por Decreto a prezos estipulados arbitrariamente polo comprador.

Xurxo Martínez Crespo - 14:30 22/04/2008

Para recuperar para todos os venezuelanos o que fora vendido sen a autorización deles, o Goberno revolucionario venezuelano de Hugo Chávez dá instrucións para que as empresas anteriormente venezuelanas e hoxe en mans do capital transnacional, estratéxicas para o desenvolvemento e a seguridade de Venezuela, sexan estatizadas mediante a compra aos seus proprietarios de todas as accións que teñan a prezo de marcado. Así aconteceu coa Compañía Anónima Teléfonos de Venezuela (CANTV), cuxo principal accionista era a empresa estadounidense Verizon Communications.

Durante o acto de xura dos seus cargos, os seus ministros e vicepresidente venezuelanos, para o sexenio 2007-2013, o presidente venezuelano Hugo Chávez declarou "recuperemos a propiedade social sobre os medios estratéxicos de produción", medida que permitirá garantir o exercicio da soberanía, á vez de asegurar o carácter público dos servizos, premisa que debe prevalecer en todo Estado que se cualifique de democrático."

Xunto con estas accións o estado venezuelano por intermedio de Petróleos de Venezuela S.A. (Pdvsa) adquiriu o 92,98 por cento das accións da Electricidad de Caracas (EDC), baixo o control da compañía estadounidense AES.

Previo a isto, o estado venezuelano abonou o terreo ao asumir o control na actividade produtiva das empresas que explotan petróleo extrapesado na chamada Faja del Orinoco, através da migración dos contratos subscritos durante a chamada "apertura petroleira" á conformación de empresas mixtas, figura através da cal o estado venezuelano pasa a ter a maioría accionaria no negocio petroleiro.

Ao abeiro das xornadas dos 3R (revisión, rectificación e reimpulso) o pasado tres de abril o presidente venezuelano anunciou a estatización das empresas cementeiras, por consideralas pezas estratéxica para o desenvolvemento endóxeno, até agora baixo o control de capital estranxeiro.

Facendo alusión ao enorme dano infrinxido contra o ambiente, por este sector, o presidente Chávez reiterou a importancia de asumir a condución destas industrias que durante anos se conduciron baixo a doutrina capitalista, que procura a maximización dos recursos en detrimento do benestar e beneficio común.

En función desta acción o Estado iniciou conversacións cos representantes de Cemex, de México, Lafarge, de Franza, e Holcim Ltd, de Suíza, a fin de estudar a posibilidade de chegar a acordos coas empresas e estabelecer esquemas de control.

A esta carreira emprendida polo Goberno Bolivariano súmase a nacionalización da Siderúrgica del Orinoco (Sidor), medida recentemente adoptada polo presidente de Venezuela, ldespois da radicalización dun conflito entre a forza laboral e a directiva da empresa, ante a imposibilidade de chegar a un acordo verbo da contratación colectiva.

O estado venezuelano posuía só o 20 por cento do capital accionario desta empresa privatizada en 1997, a forza laboral manexaba igual porcentaxe, mentres que a firma Ternium controla o 60 por cento das accións, co cal mantén o control na toma das decisións.

O goberno venezuelano propúxolle a Ternium que participe cunha minoría accionaria na empresa do 10%. Á súa vez, involucra unha indemnización para o grupo ítalo-arxentino.

A empresa procura así saír intacta da decisión do goberno de Hugo Chávez, presidente de Venezuela, e preservar os seus outros activos. Paolo Rocca, CEO e accionista principal do Grupo Techint, e calculou a indemnización que reclama pola estatización de Siderúrgica del Oniroco en 2.369 millóns de euros.

O Grupo Techint aceptará a oferta do goberno de Venezuela de manter unha participación minoritaria do 10% na reestatizada Sidor, mentres que continuará producindo nese país tubos sen costura para a industria petroleira.


3/5 (4 votos)