Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
CELEBRACIÓNS EN TODO O PAÍS

Otelo Saraiva visita Galiza na semana do 25 de abril

O ex militar falará en Vigo e Compostela martes e mércores, días antes do 34º aniversario da Revolución dos Caraveis.

Redacción - 19:10 21/04/2008

Otelo Saraiva de Carvalho dirixiu as operacións do 25 de Abril dende o posto de comando clandestino instalado no Cuartel da Pontinha. Formou parte do Conselho da Revolução e a partir de xullo de 1975 integrou con Costa Gomes e Vasco Gonçalves, o Directório, principal estrutura política de cúpula durante o V Governo Provisorio. Ligado á ala mais radical do MFA, foi detido despois da tentativa revolucionaria do 25 de Novembro; liberado, foi o segundo candidato máis votado nas eleccións presidenciais de 1976, que gañou Ramalho Eanes.

Saraiva de Carvalho ofrecerá dúas conferencias sobre Os logros sociais na Revolución dos Cravos. Serán o martes día 22 de abril ás oito da tarde no Reitorado da Universidade en Vigo e o mércores día 23, á mesma hora no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela. A entrada nas dúas conferencias, organizadas pola Direccion Xeral de Xuventude e Solidariedade dentro do ciclo Conversas con, será libre.

Xornadas en Boiro
En Boiro, o Centro Social Aturuxo vai lembrar a Revoluçao dos Cravos cunha dobre xornada na que haberá conferencias, concertos, proxección de documentarios, recitais poéticos, e mesmo un 'xantar portugués'. As xornadas comezarán realizando unha petición formal, no rexistro municipal, para que en Boiro se lle dedique unha rúa ao 25 de Abril. Xa pola noite, os pratos fortes serán a realización dun recital poético de autores galegos e portugueses, ás dez, e o concerto de Ataque Escampe, ás once e media.

O sábado, despois dun 'xantar portugués', con petiscos, frango e bacalhau, Xosé Manuel Beiras e Joao Teixeira (ex deputado do Bloco de Esquerdas e candidato á alcaldía de Porto) falarán sobre A influencia da Revoluçao dos Cravos na esquerda portuguesa, galega e mundial. Despois, Margarida Ledo e Xavier Vilhar Trilho tratarán A influencia da Revoluçao dos Cravos nas artes. Mini e Mero pecharán as xornadas.

Outras actividades
Non só Aturuxo organiza actos en relación co 25 de abril. En Ourense, o C.S. A Esmorga celebrará os días 23 e 24 as xornadas 25 de abril Sempre!!!, que comezarán coa proxección do documentario Outro País de Sérgio Treffaut e, a seguir, un coloquio con António Loja Neves, crítico de cinema do Expresso. O xoves 24 o xornalista e profesor universitario Luís Álvarez Pousa ofrecerá unha conferencia titulada 25 de Abril, umha olhada galega. Álvarez Pousa era correspondente de La Voz de Galicia en Portugal cando tivo lugar a revolución.

E en Compostela, a Gentalha do Pichel celebrará a data sinalada cunha exposición (Abril na tipografia), a proxección dun documentario (Cravos de abril) e dous concertos: o hip-hop combativo dos angolanos Bob da Rage Sense (o xoves 24) e de Rui David, o venres 25, acto central da chamada Noite Portuguesa. Finalmente, o día 25 tamén o Centro Social Alto Minho de Lugo terá unha xornada dedicada á revolución de abril, coa proxección do filme 5 dias 5 noites, ás nove da noite, e cunha festa con música portuguesa e petiscos.


4,7/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Otelo Saraiva de Carvalho
Otelo Saraiva de Carvalho
Cartaz das xornadas organizadas por Aturuxo
Cartaz das xornadas organizadas por Aturuxo
A Esmorga tamén organiza esta semana as súas xornadas
A Esmorga tamén organiza esta semana as súas xornadas
A Gentalha do Pichel celebrará o 25 unha 'Noite Portuguesa'
A Gentalha do Pichel celebrará o 25 unha 'Noite Portuguesa'