A Federación Bolivariana de Trabajadores Socialistas consignou, ante o Ministerio del Poder Popular para el Trabajo y la Seguridad Social (Mintrass), un escrito no que informan da necesidade de crear unha ampla organización sindical unitaria onde conflúan os diferentes movementos revolucionarios que hoxe apoain á revolución bolivariana segundo declaracións do sindicalista Oswaldo Vera.
O sindicalista Oswaldo Vera precisou ademais que contan co apoio de sectores como o das panadarías, petróleo, telecomunicacións, transporte, educación e construción, entre outros.
"Este feixe de organizacións, non temos dúbida, abrangue máis do 80 por cento do movemento sindical organizado quen decidimos crear unha nova central de traballadores (?) No comité executivo, desta central obreira que se vai crear, deberán estar representadas cada unha das federacións nacionais que fan vida no movemento sindical venezuelano, para que haxa unha representación directa dos traballadores".
En nome dos traballadores socialistas, Vera informou que o próximo 1º de Maio efectuarán unha mobilización nacional que terá como consigna central a loita contra o imperialismo, pola paz e pola defensa da revolución.
Finalmente o 13 de abril, aniversario da volta ao poder do presidente Chávez despois do golpe de Estado do 11 de abril e bautizado oficialmente como Día del Rescate de la Dignidad Nacional, o dirixente sindical Oswaldo Vera reiterou que a Central de Trabajadores de Venezuela (CTV) xa non representa a ningún traballador e que quedará nas páxinas máis escuras da nosa historia.
Cómpre lembrar que Carlos Ortega, ex secretario xeral da CTV, foi unha das caras visíbeis e responsábel do lock out de máis de 60 días entre decembro de 2002 e febreiro de 2003 da criminal "folga" petroleira que deicou sen petróleo nin gasolina nin gas nin alimentos nin ambulancias ao país para esixir a renuncia do presidente elixido democráticamente. Xunto a Carlos Ortega, na televisión privada venezuelana, arengaba á poboación e mentía o directivo de Petróleos de Venezuela S.A (Pdvsa) o fillo de galegos Juan Fernández, sobre o "éxito" da folga.
Ortega pediu asilo político en Costa Rica e fuxiu co pelo tinxido a Venezuela, lugar no que máis tarde sería detido, debido a serios problemas de ludopatía, nun céntrico casino en Caracas. Encarcerado fuxiu e está en paradoiro descoñecido.
Juan Fernández dedícase a dar entrevistas de páxina enteira en La Voz de Galicia e asegurar, a todos os inxenuos lectores, que el é un perseguido político e que na actualidade vive exiliado.