Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Entrevista con José María Vigil

E se a relixión cristiá non fose a alternativa?

Na canal Irimia, José Antonio Martínez entrevista ao teólogo José María Vigil, que reside en Panamá e que aposta pola "teoloxía do pluralismo"

José Antonio Martínez - 14:25 13/04/2008
Tags:

José María Vigil, teólogo, claretiano, zaragozano de nacemento, nicaraguano de adopción e residente na actualidade en Panamá. Membro da Asociación de Teólogos e Teólogas do Terceiro Mundo, coñecido polos seus traballos na liña da teoloxía da liberación e da teoloxía do pluralismo relixioso, é un dos responsables dos Servizos Koinonía en internet, ao mesmo tempo que impulsa cada ano a “Axenda Latinoamericana”.

J. M. Vigil avanza agora pola «teoloxía do pluralismo». Un camiño non exento de dificultades.

É un tema delicado, que pode ferir susceptibilidades, ou desestabilizar a fe das persoas que aínda viven coa «fe do carboeiro», porque é unha proposta adulta, crítica, e porque ademais implica un «cambio de paradigma», unha verdadeira «reinterpretación» dentro do cristianismo tradicional. Por iso non é estraño que che acaben preguntando: «pero, iso sigue sendo cristianismo?». E é comprensible a pregunta. A súa resposta pasaría por constatar que non hai «unha» única identidade cristiá ao longo da historia, e que este é precisamente un momento histórico de profunda transformación.

Temos todos que avanzar cara á teoloxía do pluralismo?

En principio si, pero isto non é un «dogma». Se se cuestionan moitos dogmas, precisamente, non é para que vaiamos substituílos agora con dogmas novos... Esta teoloxía está comezando, e é, xa que logo, aínda, unha intuición... Eu mesmo tiven a «pretensión» de «sistematizala» no meu libro, como un libro-manual para un «curso» sobre o tema, pero nel insisto repetidamente en que isto é só un comezo, unha intuición, que oxalá poidamos revisar nun futuro próximo.

TEOLOXÍA DO PLURALISMO E DA LIBERACIÓN

Ata a actualidade, a vostede vinculábaselle coa teoloxía da liberación. Cal é a relación entre esta e a teoloxía do pluralismo relixioso?

Pódesme seguir vinculando coa teoloxía da liberación, sigo con ela. A teoloxía do pluralismo non a contradí. Só que é «outra cousa». Está noutro plano, en coordenadas diferentes. Non é unha simple prolongación da temática teolóxica da liberación: non porque un teólogo ou teóloga sexa moi da teoloxía da liberación vai ser tamén, por exemplo, da teoloxía feminista. Podería estar moi comprometido cos pobres e ser moi machista. Igual aquí: non por ser teólogo ou teóloga da liberación se vai ser «pluralista»...; pode haber teólogos da liberación que teñan dificultades para dar un paso adiante en materia de teoloxía do pluralismo, e que prefiran a visión tradicional inclusivista...

Cal é o futuro, entón, da teoloxía da liberación?

Para min, a teoloxía da liberación xa chegou á plenitude, á súa madurez. Outras teoloxías necesitaron moitos séculos para alcanzala, pero os tempos aceléranse, e en trinta anos nesta teoloxía xa se fixo todo o fundamental, no que se refire ás grandes ramas dunha teoloxía: a cristoloxía, a eclesioloxía, a soterioloxía, o tratado de graza, a espiritualidade... Sempre se poderá facer algo máis, ata se poderá «rizar o rizo», pero nos aspectos fundamentais, a teoloxía da liberación xa está feita.

Agora ben, foi elaborada nunha perspectiva que hoxe vemos que era «inclusivista», ou sexa, na perspectiva do Concilio Vaticano II, que era «moi aberta» respecto dos sete séculos anteriores da Igrexa, pero que hoxe, vemos que se nos queda curta. Tamén a teoloxía da liberación, feita nesa perspectiva do Vaticano II, queda curta. Hoxe necesitará ser traducida á nova perspectiva, á perspectiva pluralista. O futuro da teoloxía da liberación é pasar a reformularse como «teoloxía pluralista da liberación». Coma todas as teoloxías que queiran actualizarse.

Na ASETT, a Asociación Ecuménica de Teólogos do Terceiro Mundo, fai cinco anos que estamos nun proxecto de «cruzamento» entre a teoloxía latinoamericana da liberación, a clásica, e a teoloxía do pluralismo relixioso, para chegar a esa teoloxía pluralista da liberación. Por aí cremos que vai o futuro.

EXCLUSIVISMO, INCLUSIVISMO E PLURALISMO

Que cambios supuxo a asunción do modelo inclusivista?

Primeiro hai que ter claros tres conceptos: «exclusivismo, inclusivismo e pluralismo». Estes termos son moi recentes, difundíronse desde hai 10 anos. Eu, que nacín antes do Concilio Vaticano II, nacín nos tempos do paradigma «exclusivista», o de «fóra da Igrexa non hai salvación». Ese modelo non é algo da Idade Media: todos os que temos máis de 50 anos vivimos nesa Igrexa. Por iso o Vaticano II, ao pasar ao paradigma «inclusivista», supuxo un cambio radical, que ata provocou moitas crises, por exemplo naqueles misioneiros que, coa teoloxía clásica, pensaban que eles levaban a salvación aos pobos non cristiáns. O Concilio afirmou que os pobos non cristiáns tamén teñen salvación, aínda sen misioneiros... Non foi un cambio pequeno; negaba e superaba o que se defendeu durante 19 séculos e medio (o 98% da historia do cristianismo), que «fóra da Igrexa non había salvación».

A posición do Vaticano II chámase «inclusivismo» porque, aínda que é verdade que recoñece que hai salvación fóra do cristianismo, faise notar que esa salvación é «nosa», que é cristiá: é dicir, «incluímos» esa salvación no noso haber. Sálvanse os homes e mulleres doutras relixións, pero non se salvan «polas súas relixións», senón «a pesar das súas relixións», ou á marxe das mesmas, porque en definitiva sálvanse «por Xesús Cristo». E se son boas persoas podemos dicir que son «cristiáns anónimos»: se son bos, son «dos nosos», incluímolos no noso haber.

O exclusivismo dicía que «fóra da Igrexa non hai salvación». Hoxe iso parécenos evidentemente insostible, e cambiámolo por: «fóra de Cristo non hai salvación», todos se salvan por Xesús Cristo, todos quedan incluídos na súa salvación. Como se ve, neste novo modelo, a pesar de todo o avance, o cristianismo segue sendo a «única relixión verdadeira», a única que realmente salva. Seguimos sendo os mellores, os privilexiados, os elixidos, os salvadores do resto do mundo. Aínda que os demais pobos pódense salvar sen nós, non poden chegar á plenitude da súa relación con Deus sen facerse cristiáns. O ideal do mundo para a visión católica inclusivista será «un só rabaño (católico) e un só pastor», o cal, hoxe día, non só xa non parece posible, senón que empeza a non parecer desexable sequera.

Esta é a doutrina oficial?

Si, o inclusivismo do Concilio Vaticano II, interpretado bastante restritivamente pola Declaración «Dominus Iesus», do ano 2000, do entón cardeal Ratzinger, aprobada e publicada por Xoán Paulo II, é a doutrina oficial vixente neste momento.

Eu creo que, tras equivocármonos tan radicalmente durante dezanove séculos e medio co exclusivismo, e non sendo iso un simple erro de cálculo ou unha doutrina marxinal, senón unha afirmación solemnemente sostida e tida como dogma, baixo cuxa influencia condenamos a pobos enteiros, extirpamos relixións, e condenamos e executamos supostos «herexes»... o mellor que poderiamos facer agora, ao cambiar de modelo, é calar durante cen anos, ou, polo menos, ter a humildade de non pontificar nin dogmatizar nunca máis.

E agora chegamos ao terceiro modelo, ao paradigma «pluralista»...

Si. Existía unha visión clasicamente negativa do pluralismo relixioso (que no fondo xulgábase que viña de Babel, coma un castigo de Deus...), pero iso foi durante os milenios nos que as relixións vivían illadas cada unha no seu mundo. Hoxe o mundo globalizouse. As relixións vense obrigadas a conviviren. A experiencia diaria fainos evidente que esa pluralidade relixiosa non é negativa, que as outras relixións non son malas, que non pode ser que sexamos «os elixidos» (porque tamén as demais relixións crían o mesmo de si mesmas), que non somos sequera «o» pobo de Deus (porque todos os pobos son de Deus)... Máis: hoxe xa non poderiamos crer nun Deus «xudeu» (que só se relacionase con e só se entregase ao pobo xudeu), nin nun Deus «da nosa Igrexa» (que nos elixiu aos cristiáns, e desantendendo os demais pobos, deixase a súa salvación e a súa plenitude a mercé de que os cristiáns inventásemos a carabela e puidésemos levar o evanxeo a outros continentes...); un Deus tan exclusivista hoxe é incrible. Hoxe só poderiamos crer no «Deus de todos os nomes»...

Polo tanto, en que punto nos achamos?

Estamos ante un novo cambio de paradigma: do inclusivismo pasamos ao «pluralismo», paradigma que nos leva a pensar que «todas as relixións son verdadeiras», que todas cumpren o seu papel de intermediación entre Deus e os pobos, cada cal ao seu modo, sen que haxa «unha» que sexa «a verdadeira», a única que salva, á que as demais deban acabar someténdose e converténdose. Con isto, tamén, Deus non dá pé a que ningún pobo se faga imperialista, como nos ocorreu a nós, ao considerarnos historicamente con dereito a invadir aos pobos, ou a desprezar as culturas, por crer que,malia todo, o facimaos para o seu ben, porque lles levabamos a salvación ao obrigalos a se converter á «Sancta Fe Católica»...

O paradigma pluralista leva en definitiva a superación do «mito da superioridade relixiosa». Foi un «mito», no bo sentido da palabra: un xeito de ver, unha especie de espellismo, que a moitos aínda lles parece estalo vendo...
Todo isto é parte, en efecto, da pequena gran revolución que está traendo a teoloxía do pluralismo relixioso, «que vén para quedar»...


2,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: