Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
INTERNACIONAL

O Tíbet: a loita polos seus dereitos como pobo

A imaxe que recibimos a través da información oficial preséntanos un Tíbet oprimido por China, cun Dalai Lama, que trata de orientar o seu pobo cara á espiritualidade, libre de formas de vida egoístas, dun materialismo baleiro, de esforzos estériles, e de vicios corruptores que afectan á sociedade industrializada moderna.

Moisés Lozano Paz - 19:38 11/04/2008
Tags:

O certo é que ata 1959, cando o Dalai Lama presidiu por última vez Tíbet, a maior parte da terra arable seguía organizada en propiedades señoriais relixiosas ou laicas, traballadas por servos. Trátase, xa que logo, dun réxime feudal e teocrático. Os mosteiros acumulaban enormes riquezas.

Ao mesmo tempo que se presentaba como defensor dos dereitos humanos, e logo de obter o Premio Nobel da Paz en 1989, o Dalai Lama continuou asociándose con, e recibindo consellos de emigrados aristocráticos e outros reaccionarios do poder político e económico, durante o seu exilio.

A actuación de China

Á marxe das inxustizas e novas opresións introducidas polos chineses no Tíbet logo de 1959, é un feito que aboliron a escravitude e o sistema de servidume de traballo sen pagamento. Construíron os únicos hospitais que existen no país e estableceron a educación laica, rompendo así o monopolio educacional dos mosteiros. Tamén puxeron fin á flaxelación, ás mutilacións e ás amputacións como forma de castigo criminal.

As autoridades chinesas admiten que se cometeron “erros” no pasado, particularmente durante a Revolución Cultural de 1966-76, cando a persecución relixiosa tivo o seu auxe tanto en China como en Tíbet.

Os lama e os señores

Para os lama e señores da clase alta tibetana, a intervención comunista foi unha calamidade. A maioría fuxiron ao estranxeiro, como o propio Dalai Lama, quen recibiu axuda da CIA para o seu “desterro”. Algúns descubriron que terían que traballar para vivir. As elites feudais que permaneceron no Tibet e decidiron cooperar co novo réxime, enfrontaron axustes difíciles

Durante todos os anos 60 a comunidade tibetana exiliada embolsouse secretamente 1,7 millóns de dólares ao ano da CIA, segundo documentos publicados polo Departamento de Estado en 1998. A parte anual do Dalai Lama foi 186.000 dólares, converténdoo nun axente a soldo da CIA. A intelixencia india tamén o financiou así como a outros exiliados tibetanos. Isto mantense, con incremento, actualmente.

A cuestión é que se se apoia o derrocamento da teocracia feudal polos chineses non quere dicir que se aplauda todo o que ten que ver co réxime chinés no Tíbet. Do mesmo xeito, denunciar a ocupación chinesa non significa que teñamos que idealizar o antigo réxime feudal. Moitos tibetanos queren que o Dalai Lama volva ao seu país, pero parece que poucos queren volver á orde social que representaba.

Os acontecementos dos últimos tempos, instigados ou non pola CIA, representan a ansia dun pobo, por recuperar a súa independencia fronte a un novo imperio, China, que non se caracteriza por defender os dereitos humanos das minorías. Mentres, moitos inocentes pagan coa súa vida a loita por un mundo mellor e máis xusto.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: