Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
fútbol

Racing e Dépor, e Celta e Coruxo comezan cos cuartos de final da Copa Galiza

Tamén xogan Pontevedra e Ourense, e o Lugo contra o Negreira. Será a un partido único, e, de haber empates, a cousa resolverase cos penaltis.

Redacción - 13:25 09/04/2008

O Racing e o Dépor xogan ás 20:45 horas na Malata, enfrontándose por primeira vez dende hai algúns anos nos cuartos de final da Copa Galiza. Ámbolos dous chegan algo desencantados coas datas, porque xogan a permanencia en cadansúa categoría, cousa que teñen máis fácil, polo de agora, os coruñeses, mentres que o Racing aínda ten o domingo un partido decisivo para seguir na Segunda División.

Neste sentido, os equipos probabelmente aproveiten para lle dar máis minutos de xogo aos futbolistas menos habituais nos partidos de liga, aínda que o Dépor, por causa de ter un equipo filial, debe cumprir a norma e deixar saír a, polo menos, cinco xogadores do primeiro equipo.

Celta-Coruxo: o retorno de Giovanella
O encontro comezará ás 20:30 horas no campo d'O Vao, e será máis do que fútbol, un reencontro entre Everton Giovanella e o seu antigo equipo, o Celta, cuxa afección sempre o apoiou.

Segundo conta o brasileiro nunha entrevista na web do Coruxo, vai ser un partido especial, posto que xoga contra o clube "no que máis tempo estiven na miña carreira". O xogador do Coruxo tamén conta o que lle custa adestrar de noite (que é o que máis lle chama atención da Terceira División) e termina despedíndose, posto que o seu regreso ao Brasil está próximo.

Quen tamén se reencontra co seu antigo equipo é Javier Maté, técnico do Coruxo, e antigo porteiro e despois adestrador das categorías inferiores do Celta. O adestrador tamén di, cando é preguntado pola importancia do partido contra o Celta, que só pensa no seguinte partido de liga, "agora recibimos ao Alondras, e despois viaxamos a Coruña para xogar contra o Montañeros. Pero si é certo que vai ser un partido especial, onde se han gardar os sentimentos". Por outro lado Maté tamén salienta que gañar o primeiro partido da Copa Galiza sería unha inxección de moral para os seus xogadores, mais que "a nosa guerra é outra e non podemos desviarnos das nosas intencións iniciais. Cada cousa no seu momento".

Negreira vs. Lugo, Pontevedra vs. Ourense
Estes son os outros dous partidos dos cuartos de final, que tamén se xogan esta cuarta feira en Negreira e en Ourense.

O Ourense chegou esta fin de semana a Vallecas, como flamante gañador da Copa Federación para quedar, despois de soportar un 5-0, nos postos de descenso na Segunda B. Esta cuarta feira enfróntase ao Pontevedra, que tamén está na súa propia loita, subir a Segunda. O encontro será no Couto ás 20:30 horas.

E o outro partido é o do Negreira e o Lugo, que tamén se enfrontan ás 20:00 horas, no campo CMJ García Calvo. O Negreira anda, nestas alturas da liga en Terceira, tentando fuxir dos postos de descenso; e o Lugo, na súa Segunda B quere poder xogar a Copa.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fotomontaxe, feita polo Coruxo na súa web, con Giovanella e Maté
Fotomontaxe, feita polo Coruxo na súa web, con Giovanella e Maté
O Ourense, após gañar a Copa Federación. Enfróntase ao Pontevedra
O Ourense, após gañar a Copa Federación. Enfróntase ao Pontevedra
Un partido do Pontevedra
Un partido do Pontevedra