As Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Ejército del Pueblo (Farc-Ep) insistiron en que non é posíbel un acordo pola liberación de Ingrid Betancourt se o goberno de Álvaro Uribe non accede ao despexe militar, e recomendáronlle ao Estado francés que esixa a Colombia e a EUA para que "accedan a liberar sen prerrogativas a guerrilleiros e políticos de esquerda", segundo a Agencia Bolivariana de Prensa (ABP).
Unha nota publicada onte luns pola Agencia Bolivariana de  Prensa (ABP), das Farc-Ep,  sinala que  "o goberno francés debería con igual ou maior esmero, procurar que a Casa de  Nariño (sede do Goberno colombiano) non persista nos seus inamovíbeis e demostre verdadeira vontade para o  intercambio humanitario". 
 
 O texto, titulado "Dar y recibir, es la lógica  de todo cambio", afirma que despois do ataque do primeiro de marzo no que foi  asasinado o líder guerrilleiro Raúl Reyes, "o executivo deste país e a clase  política reaccionaria, chaman cínicamente ás Farc para que procedan con outras  liberacións de reféns". 
 
 Para as Farc-Ep, o goberno colombiano fai esta esixencia "cuspindo sobre o cadáver da principal canle interlocutora que había  entre a comunidade internacional e a insurxencia fariana, con relación ao tema  do Intercambio Humanitario de prisioneiros". 
 
 Ao referirse á misión  sanitaria enviada polo goberno francés para intentar atender á ex candidata presidencial franco-colombiana  Ingrid Betancourt, as Farc indican que "antes que helicópteros listos para atender a  saúde dos reféns e preparar o seu traslado, deberían facer os esforzos  pertinentes para que o goberno en Washington e Bogotá accedan a liberar sen  prerrogativas a guerrilleiros e políticos de esquerda presos" en Colombia e en  EUA. 
 
 "Sarkozy debe utilizar os seus amplos contactos cos estadounidenses, que son os que financian e atizan a guerra en Colombia, para que  non sigan impedindo o regreso a casa tanto dos políticos e militares en poder  das Farc como daqueles que se atopan nos cárceres do réxime", finaliza a nota difundida pola Agencia Bolivariana de Noticias.