Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O galego na escola

Sen subvención da Xunta un cento de equipos de normalización lingüística

CIG-Ensino fala dunha "aplicación estrita, diferente a anos anteriores", mais dende Administración sinalan que "é o segundo ano" que se fai así.

Redacción - 19:09 31/03/2008

O sindicato CIG-Ensino cifrou este luns nun cento os equipos escolares de normalización lingüística que solicitaron e ficaron sen subvención "por culpa dunha aplicación moi estrita que non se corresponde cos criterios seguidos en cursos anteriores" pola Xunta. Porén, fontes da Secretaría Xeral de Política Lingüística consultadas afirmaron que "este é o segundo ano" que se aplican estes criterios.

A CIG apunta tamén outros motivos como que se modificase o requisito de rexistro "sen comunicarállelo aos centros" -até o de agora podíase facer en calquera ou mesmo nas oficinas postais- ou que as bases para solicitar as axudas "só se publicaron na convocatoria da Presidencia da Xunta".

Neste senso, dende Política Lingüística din que "xa deberían saber que hai que consultar estas convocatorias" e, que en calquera caso, foilles comunicado "por escrito" aos centros "entre unha e tres ocasións". "Non acaban de entender que os docentes non son administrativos e que teñen que atender máis obrigas", apuntan as mesmas fontes.

"Moitos proxectos", di Política Lingüística

Á pregunta de por que é tan elevado o número de centros que non foron conscientes desta situación, dende Política Lingüística consideran que "quizais sexa porque este ano a convocatoria saíu algo máis cedo e porque este curso os equipos teñen moitos proxectos".

No entanto, CIG-Ensino lamentou que esta falta de "flexibilidade" leve consigo "deixar sen dotación económica proxectos importantes" para a normalización lingüística. Por outra banda, critican ademais que a Consellaría de Educación "non tome ningunha iniciativa", "unha mostra máis -din- do desleixo" da normalización no ensino.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: