Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Proxecto para 2009

O hóquei chegará aos nenos a través do programa Deporte na Escola

O Campionato do Mundo, que se vai celebrar en Vigo e Pontevedra en xullo de 2009, serve como pretexto para achegar esta modalidade deportiva aos cativos galegos.

Redacción - 11:05 28/03/2008
Vigo ten unha tradición moi ligada ao hóquei

Vigo ten unha tradición moi ligada ao hóquei

O vindeiro Mundial de Hóquei sobre patíns terá lugar en Vigo e Pontevedra durante o mes de xullo de 2009, e servirá como plataforma para dar a coñecer e fomentar este deporte en Galiza. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, destacou este xoves na presentación do campionato a necesidade de unir "grandes eventos a actuacións dedicadas a acadar unha maior implantación desta modalidade deportiva".

Aproveitando esta celebración, a Dirección Xeral para o Deporte levará a cabo actividades paralelas dirixidas a levar o hóquei patíns aos municipios galegos, a través das escolas. Tamén se implantará esta actividade no programa Deporte na Escola en 2009, coincidindo coa disputa do campionato, co fin de achegar e fomentar esta actividade entre os nosos cativos.

O Mundial de Hóquei patíns tamén é unha oportunidade que Vigo non debe desaproveitar para mostrar a súa valía á hora de loitar para converterse na sede da Universiada 2013. "Este mundial debe servir como anuncio para dicirlles que somos quen de organizar grandes eventos, que imos facer un gran traballo e que por organización e apoio social teremos un grande éxito", indicou a conselleira.

Convenio de colaboración

Ánxela Bugallo asinou un protocolo de colaboración co Concello de Vigo, a través do seu tenente alcalde, Santiago Domínguez e co presidente da Comisión Xestora da Real Federación Española de Patinaxe (RFEP), Carmelo Paniagua, e o presidente da Federación Galega de Patinaxe, Enrique García Raposo, para colaborar na organización do evento.

Domínguez salientou a "capacidade organizadora" de Vigo e recordou a relación especial que a cidade olívica ten co hóquei a patíns, grazas ao torneo Cidade de Vigo que leva celebrándose 25 anos.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: