Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CERCEDA

O PPdeG denuncia enterramentos masivos de lixo nun vertedoiro ilegal

Segundo os conservadores, a pesar de que se están a enterrar centos de toneladas diarias dende hai meses, a Xunta aínda está a tramitar a autorización ambiental.

Redacción - 14:45 27/03/2008

O voceiro de Medio Ambiente do PPdeG, Xaime Castiñeira, no Parlamento revelou este xoves nunha conferencia de prensa que a Consellaría de Medio Ambiente e Sogama están a enterrar centos de toneladas de lixo cada día nun vertedoiro ilegal de Cerceda. Castiñeira, que lle achegou aos xornalistas fotos do macrovertedoiro, subliñou que dende hai meses estanse a levar os residuos até un monte da zona da Areosa, a pesar de que o recinto non conta con ningún tipo de permiso. Os populares consideran que a Consellaría de Medio Ambiente era consciente dos enterramentos ilegais e subliñan que o pasado 22 de febreiro o departamento que dirixe Manuel Vázquez someteu a información pública a solicitude de autorización ambiental para o vertedoiro. De feito, a pesar de que xa hai milleiros de toneladas de lixo na zona, aínda está aberto o período de alegacións ao permiso.

Os conservadores din ter constancia de que o lixo que se está a depositar en Cerceda non está a ser sometido a ningún tratamento e procede de diferentes puntos do país, entre eles a propia planta de Nostián (A Coruña). O PPdeG cre que houbo “unha estratexia de ocultamento deseñada pola Consellaría de Medio Ambiente” e salientan que a zona onde se están a levar os residuos non é visíbel dende as estradas da comarca.

Segundo Castiñeira, o vertedoiro ilegal representa un grave risco para a saúde pública á vez que considera que pode constituír un flagrante delito ambiental. O depósito sería unha ampliación do primeiro vertedoiro da Areosa, onde, dende finais dos 90 se estiveron a verter os residuos que non daba tratado a planta de Sogama.


4,94/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: