Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Votación no Parlamento

Fraga sae elixido senador sen o apoio explícito do PPdeG

A "perrencha" do PP co sistema de elección, levounos a engadir nas papeletas o nome de Manuel Cabezas, convertendo en nulos os seus votos.

R.N. - 11:00 25/03/2008
Tags:

 A ausencia de firmeza do PPdeG para convidar o ex presidente fundador do partido, Manuel Fraga, a deixarlle paso á renovación interna, ofreceu un paradoxal episodio este martes no Parlamento. Malia que o sistema de votación acordado para a elección dos senadores por designación autonómica estabelecía unha papeleta por deputado con tres nomes xa decididos: Manuel Fraga (PPdeG), Xavier Carro (PSdeG) e Xosé Manuel Bouza (BNG), os populares suprimiron o nome do nacionalista e engadiron por baixo o do ex alcalde ourensán Manuel Cabezas.

Na práctica, isto significou, tal e como os populares xa coñecían de antemán, que os seus votos fosen declarados nulos, de forma que a designación dos senadores, a lista conxunta, incluído Manuel Fraga, quedou aprobada cos 38 votos a favor que sumaron PSdeG e BNG.

O PPdeG mantivo até o último momento a incerteza sobre a táctica que seguirían este martes, xa que ao respecto houbo desacordo no interior do grupo parlamentario popular. A esas disensións referíronse os propios voceiros de PSdeG e BNG, ironizando por exemplo sobre a presunta reticencia dos populares ourensáns a riscar nunha papeleta o casilleiro co nome de Manuel Cabezas, ex rexedor na cidade das Burgas tradicionalmente enfrontado ao sector baltarista.

Rego acusa o PP de enredar para "ocultar" un fracaso electoral
"É unha polémica inútil e desagradábel, baseada en intereses persoais", opinou o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Ismael Rego. Na súa opinión, o PP trata de agochar "o descenso co que saíu das urnas" e atribuíu ademais a problemas baseados "en intereses persoais" a lea mediática creada polo PP a conta do reparto dos tres senadores por designación autonómica.

O voceiro dos socialistas tirou ademais de cifras polo miúdo para defender a "proporcionalidade" do reparto que neste caso se fai dun senador por cada un dos grupos con representación parlamentaria. Ao respecto, acusou o PP de usar os números "segundo lles convén" e recordou que á volta das anteriores eleccións xerais lle escatimaran un asento ao propio PSdeG. "Daquela nós non falamos de roubo, senón que asumimos con responsabilidade o que vostedes decidiran coa súa maioría absoluta pasando como unha apisoadora por riba da pluralidade", dixo, "vostedes o que teñen é un problema: tiñan dous compromisos para un só posto", reprochoulle Rego ao PP.

Aymerich pregúntalle ao PPdeG "que consensos lle quedan por rachar"
"Vaian ao Tribunal Constitucional se queren", desafiou o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, aos deputados do PPdeG durante o pleno que abriu a actividade parlamentaria deste luns. Despois de criticar "a perrencha que o PP montou na prensa", Aymerich subliñou que o sistema acordado por nacionalistas e socialistas é "o que mellor respecta a Constitución" e o que de mellor xeito "atende ao requirimento de conseguir a maior pluralidade posíbel".

Aymerich reprochoulle ao PP que "inventase unha polémica" para ocultar "a realidade dunha crise de liderado de Núñez Feijoo". "Non aceptamos que se fale de roubo e atropelo", salientou ademais o deputado nacionalista, trasladándolle aos populares o rol de "especialistas en roubos e atropelos" e recordándolles a lea a conta dun escano no Parlamento europeo onde "o PP conseguiu un deputado cos votos da Falange".

Por outra parte, Carlos Aymerich ironizou sobre a advertencia do PPdeG de rachar "con todos os consensos" no caso de que non se atendesen as súas demandas. "Que consensos lle quedan por rachar?", preguntoulles o voceiro do Bloque, recordando que desde o proceso de reforma estatutaria até os proxectos lexislativos máis recentes, o PP evitou calquera aproximación ao consenso até o de agora.

Ruíz Rivas quéixase de que "queren quitarlle ao PP o que as urnas lle dan"
O voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, mantivo este martes no Parlamento a posición que o seu partido veu defendendo en datas recentes. Afirman desde o PpdeG que o bipartito usou desta volta a proporcionalidade "na súa exclusiva conveniencia" e denuncian que se rachan "as mínimas regras" para o entendemento entre os grupos políticos.

"Queren cambiar nos despachos o que as urnas deciden", opinou Ruiz Rivas, advertíndolle a socialistas e nacionalistas de que terán en conta este episodio cando a Cámara precise de "maiorías cualificadas". O voceiro popular teimou en que PSdeG e BNG "non son capaces de explicar por que 37 deputados son iguais a 13", e afirmou que o PP "seguirá representando a Galiza que cre nos 37".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: