Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acordo Xunta-comunidade de Castela e León

A Sanidade chimpa por riba de fronteiras administrativas

Os veciños das vilas limítrofes de Viana, Seabra, Valdeorras, A Cabreira e O Bierzo recibirán atención no centro máis próximo ás súas casas.

Redacción - 18:00 17/03/2008
Os asinantes, este luns

Os asinantes, este luns

Os 6.000 veciños das localidades limítrofes entre as comarcas de Viana, Valdeorras (territorio administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia) e A Cabreira, Seabra, e O Bierzo (territorio administrativo da Comunidade Autónoma de Castela e León) poderán recibir dende este martes atención sanitaria no centro máis ao carón das súas vivendas.

Este luns, o goberno galego e o autonómico de Castela e León asinaron no Pazo do Castro (O Barco de Valdeorras) o primeiro protocolo de colaboración relativo á asistencia sanitaria en centros de saúde, especialistas e hospitais, segundo explicaron a conselleira de Sanidade, María Xosé Louro Vidal e o seu homólogo da comunidade autónoma española, Francisco Javier Álvarez Guisasola.

Louro sinalou que a sinatura culmina unha "reivindicación histórica" dos habitantes destas vilas. Deste xeito, por exemplo, o centro de saúde da Ponte de Domingo Flórez, poderá atender a 400 veciños das localidades de Quereño, Vilar de Xeos, Sobredo e Pardellán (Rubiá, Valdeorras).

Tamén, os 212 veciños de Pradorramisquedo, a 70 quilómetros do centro de saúde que lles corresponde en Viana do Bolo, poderán acudir aos de Pías ou Porto, a cinco minutos das súas casas. E o hospital de Verín asumirá a atención de 1.200 veciños destes dous municipios da comarca de Seabra, ademais dos de Hermisende e Lubián, a media hora por autovía.

Punto de partida para outros servizos
Por último, outros 4.500 veciños da Ponte de Domingo Flórez e da Cabreira van poder elixir para a súa atención hospitalaria as instalacións do Barco de Valdeorras.

Ademais, o protocolo asistencial asinado este luns vai servir de punto de partida para outros servizos como a docencia ou a investigación, aínda que primeiro terá que ser aprobado polo goberno galego, pola Comunidade Autónoma de Castela e León e mais polo ministerio español de Sanidade.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: