As xornadas han xuntar a destacados clubes galegos coas súas mellores xogadoras júnior, que han loitar polo trofeo Pelegrín.
Esta segunda feira comezan dúas xornadas de baloncesto júnior feminino, o primeiro paso duns días, segundo contan dende o Leite Río Breogán, moi intensos para o baloncesto de base e profesional, posto que o primeiro equipo lugués se ha de enfrontar a vindeira terza feira ao Ford Burgos tamén en Lugo.
O torneo 'Linguas do Camiño' está patrocinado por Caixanova e Xacobeo, e ha reunir seis equipos de baloncesto feminino de categoría júnior que han loitar polo trofeo do Pelegrín. Este torneo será o punto de inicio dun proxecto do CB Ensino, Fundación BALOGAL e Club Estudiantes Lugo, que pretende desenvolver unha serie de concentracións de conxuntos femininos que buscan a potenciación deste deporte entre as rapazas.
O torneo hase dividir en dúas xornadas, nas que se xoga polo sistema de liga, habendo un vencedor cada día. No Pazo Provincial dos Deportes estarán xogando entre esta segunda e a terza feira o Estudiantes Fundación Balogal, o Basket Coruña e o Casa da Muller Ensino, por un lado, no seu triangular. A outra eliminatoria xógana o Durán Maquinaria Ensino, o Pío XII e o Pabellón Ourense. O gañador de cada xornada (a primeira chamada 'Camiño Primitivo' e a segunda 'Camiño Francés') han xogar a final.