A obra representarase os días 12 e 13 de marzo
A compañía teatral Cámara Negra escolleu o Teatro Principal de Santiago de Compostela para estrear o seu novo traballo, Brand, unha versión libre e "cos ollos do século XXI" da peza teatral de Henrik Ibsen. O público da capital galega contará con dúas oportunidades, o 12 e o 13 de marzo, para ser testemuña da austera e experimental proposta escénica desta compañía. A historia xulga, cos ollos do século XXI, a Brand, un personaxe "que se enfronta a unha sociedade pechada e aos seus ideais equivocados, que impón a súa visión do mundo aos demais", en palabras do director, Carlos Álvarez-Ossorio.
Segundo o director da compañía, Brand é un personaxe cheo de contradicións, "símbolo do noso caótico mundo actual, onde as ideoloxías parecen mortas e as relixións parecen ter deixado paso aos fanatismos". Sobre o escenario do Teatro Principal de Santiago estarán cinco actores, encabezados polo protagonista, Xosé M. Esperante, no papel de Brand. Xunto a el, Teté García, Alejandro Carro, Tanas e Marta Pérez. Todos eles ofrecerán ao público unha hora e media de intensa e continua permanencia en escena.
Unha compañía que chegou a Galiza en 2005
Cámara Negra é unha compañía cunha traxectoria de dez anos traballando en Andalucía, montando textos de Shakespeare, Chéjov, O'Neill ou Heiner Müller, viaxando con eles ao longo de todo o territorio español, ademais de actuar en Cuba e Alemaña, ademais recibiu polo seu traballo numerosos premios en mostras e festivais. Cámara Negra trasladou a súa sede a Galiza en 2005. A súa primeira montaxe foi unha coprodución coas compañías Teatro do Noroeste e Noescafé Teatro: A casa do pai. Por esta montaxe, a compañía gañou o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego 2007.