Malia a confirmación de que o PPdeG segue caendo en Galiza a un ano dos próximos comicios, o líder do partido confía na recuperación.
De aparecer nas quinielas de posíbel ministro dun hipotético goberno español liderado por Mariano Rajoy, plataforma que o PPdeG pretendía usar como lanzamento do seu candidato cara aos próximos comicios no país, a Alberto Núñez Feijoo tócalle agora xestionar un novo e significativo descenso para o seu partido.
Malia ese escenario, o presidente do PPdeG evitou este luns a autocrítica en Galiza ou a crítica ao liderado do seu partido en Madrid, e escolleu o optimismo. Así, en conferencia de prensa, tirou de calculadora e asegurou que extrapolando as cifras que o PP marcou o 9M en Galiza, a caída traduciríase nunha perda de escanos que non deixaría o seu partido máis abaixo dos 36, dous por baixo da maioría absoluta. Nese escenario, Núñez Feijoo asegurou confiar en que o PP remonte a tendencia á baixa e consiga "unha maioría suficiente para gobernar".