Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
EDITORIAL

O bipartito aproba pero só ten un ano para subir nota

O PPdeG resiste en Galiza máis do agardado, especialmente nas cidades, algo que non deben pasar por alto socialistas e nacionalistas.

Redacción - 15:30 10/03/2008

Poucas horas tardaron os líderes das tres principais forzas políticas do país en analizaren os resultados deste domingo lembrando que xa comeza a conta atrás para os comicios galegos. E é que aínda os datos non son, nin moito menos, matematicamente extrapolábeis si que é certo que poden revelar interesantes tendencias de cara a cita electoral do ano que vén.

O PPdeG volve ser a forza máis votada. Porén, os seus noutrora infalíbeis pneumáticos electorais continúan perdendo presión. Polo camiño deixa 2,6 puntos e máis de 90 mil votos. A caída, especialmente ferinte en tradicionais bastións como eran a provincia de Lugo e Ourense, onde ceden 3,4 e 7 puntos respectivamente, revela a fin dun ciclo. Aínda así, nas circunscricións máis urbanizadas que conforman o eixo atlántico, a dereita resiste mellor a caída: A Coruña (-1,3%) e Pontevedra (-2,8). Os populares deteñen a hemorraxia de sufraxios nas cidades e pinchan naquelas zonas que posibilitaron as espectaculares maiorías absolutas da década dos noventa: os pequenos e medianos municipios rurais.

Sen dúbida, en clave galega, o bipartito sae reforzado logo da cita do domingo. A pesar de pelexar por un electorado similar, os socialistas lograron os seus mellores resultados nunhas xerais (39,49% dos votos) e o BNG foi quen de salvar as naves atravesando un océano impracticábel polas ondas do bipartidismo. Os nacionalistas, á vez que manteñen representación en Madrid, conseguen unha importante suba porcentual de sete décimas. Aínda que é certo que os esforzos en provincias como a de Ourense non acaban de dar os froitos agardados.

Case tres anos despois de chegar á Xunta o bipartito mostra unha arquitectura máis consistente do que se puidera pensar nun primeiro momento. Socialistas e nacionalistas foron quen de demostrar que é posíbel cogobernar, competiren en campaña cun tirapuxa equilibrado e manter os seus propios sinais de identidade. As forzas que sosteñen o Goberno, salvo contadas excepcións, foron quen de dar unha lección poucas veces vista no país. Fuxiron do tentador electoralismo institucional, algo que contrastou coa actitude dun executivo español que non dubidou en cargarlle axendas e petos aos seus ministros.

Mais o bipartito, a pesar de saír fortalecido das urnas, non pode caer na tentación de renunciar á autocrítica. As mesmas cidades que en 2004 propiciaron o cambio de ciclo político en Galiza danlle un aprobado con ben matices e permiten que a dereita continúe a flote. Aínda que o avance en municipios rurais e vilas é un excelente sinal para socialistas e nacionalistas, non acabar de convencer nas urbes supón un evidente perigo a medio prazo para as dúas forzas políticas.

Por outro lado, o vindeiro mes de abril sentarán no Congreso 23 deputados que non deben esquencer que chegan a Madrid co voto de máis dun millón e medio de galegos. Os parlamentarios deben exercer como o que son: representantes dos cidadans deste país. A eles encargóuselles defender os nosos intereses. Que ninguén caia na tentación de pasar a forma parte do que un día se bautizou como a “procesión dos caladiños”. Serían catro anos perdidos e unha fraude para os electores que depositaron neles a súa confianza.

Por último, os resultados deste domingo desbotan a oportunidade dun adianto electoral dos comicios galegos, tal e como soñaban algúns analistas próximos ao presidente da Xunta (aínda que tamén é certo que sen o apoio de moitos sectores socialistas). O único adianto posíbel é de tres meses. Touriño podería adiantar a marzo de 2009 os comicios para evitar que coincidan cos do Parlamento europeo (xuño 2009). O bipartito ten o reto de esgotar unha lexislatura sen fisuras e, ao mesmo tempo, dar pasos máis decididos no cambio emprendido en 2004. Os cidadáns agardaban máis democracia, máis conquistas sociais e unha Galiza máis dona do seu futuro. Eis o auténtico desafío, queda un ano.


5/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: