Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
FACÍAN UN ESTUDO SOCIAL SOBRE AS FARC-EP

Dez estudantes mexicanos poderían estar entre os mortos de ataque colombiano

Cinco familias mexicanas puxéronse en contacto coas autoridades de Ecuador para saber se os seus familiares están entre os falecidos no ataque que Colombia efectou en territorio ecuatoriano contra un campamento das no que morreu Raúl Reyes e 24 membros das FARC-EP. Os forenses ecuatorianos farán as probas para comprobalo.

Xurxo Martínez Crespo - 10:22 07/03/2008

Dez estudantes mexicanos podería estar entre os mortos no ataque militar colombiano levado a cabo o pasado sábado contra un campamento das FARC en Ecuador, afirmou este xoves o ministro coordinador de Seguridade Interna e Externa ecuatoriano, Gustavo Larrea.

Larrea dixo aos xornalistas que poderían ser "máis de dez, un grupo numeroso" das polo menos 24 persoas que faleceron no bombardeo que deu morte o comandante das Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) Raúl Reyes.

O ministro precisou que era un grupo de alumnos e profesores da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) e que, segundo esa casa de estudos, " facían unha investigación sobre a única forza insurxente que pervive en Suramérica hoxe".

Polo menos cinco familias mexicanas puxéronse en contacto coas autoridades dese país para saber se os seus parentes están entre os falecidos no ataque, polo que os forenses ecuatorianos farán as probas para comprobalo, explicou Larrea.

Declaracións do embaixador de Ecuador en Venezuela

O embaixador de Ecuador en Venezuela, René Vargas, informou onte xoves que os cidadáns mexicanos que morreron durante a incursión militar de Colombia en Ecuador eran estudantes e profesores da Universidade de México que realizaban un estudo social sobre as FARC.

"Chamounos a atención que dos cidadáns mexicanos falecidos, tres eran profesores da Universidade de México (UNAM), máis unha rapaza moi nova que está ferida recuperándose en Quito. Esta rapaza informounos que estaban na zona facendo un estudo social antropolóxico sobre as FARC", informou Vargas.

O embaixador de Ecuador en Venezuela manifestou que o goberno mexicano debería sumarse ás pescudas que se realicen sobre este caso.

"Eu espero que o goberno de México investigue esta situación e defenda a vida da súa cidadá que está en Quito que, repito, non é guerrilleira senón estudante da universidade", destacou Vargas.


2,63/5 (8 votos)