O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, considera que Rajoy iniciou este luns a súa "despedida como político".
Seica en Galiza hai algún tipo de problema na atención dos dereitos dos castelán-falantes, en opinión do líder do PP. Mariano Rajoy, quen xa sorprendera durante a súa cita televisiva diante do líder do PSOE na noite do luns con teimudas argumentacións lingüísticas, recuperou a porfía este martes no acto electoral que o PP celebrou en Vigo.
Así, falou Rajoy da presunta necesidade dunha "paz lingüística" e dixo sentirse "tan galego como español". A continuación pediu "liberdade" para que os país decidan nese aspecto sobre a educación dos fillos, argumentando que "ninguén ten dereito a inmiscirse no máis sagrado que ten unha persoa que son os seus fillos". De seguido, preguntouse se "hai algún lugar do mundo en que un pai ou unha nai non poida levar ao seu fillo a un colexio no que lle ensinen na súa lingua natal". En parecida posición, as alusións ao tema da lingua foron realizadas tamén polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, pola ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro e pola cabeza de lista por Pontevedra, Ana Pastor. No caso desta última, mesmo arengou aos asistentes ao berro de "Galicia bilingüe", en alusión ao colectivo que se veu mobilizando nos últimos meses en contra da lei de normalización lingüística e contra o decreto sobre o galego no ensino.
Ademais, Mariano Rajoy subliñou tamén o seu proxecto para reformar a Lei Electoral co obxectivo de evitar gobernos de coalición, estabelecendo que sexa a lista máis votada a que goberne. En alusión ao maior número de votos do PP en Vigo, que non puido acceder ao goberno local polo pacto de PSOE e BNG, opinou que "iso non se pode aceptar en democracia". O outro eixo do seu discurso foi a recuperación unha vez máis da defensa do Plan Galicia, que asegurou recuperará se chega á Moncloa.
Touriño destaca o compromiso "coa Galiza interior"
A vontade de afondar no "reequilibrio territorial", foi un dos argumentos destacados no mitin deste martes en Melide polo secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño. O socialista asegurou que tanto el como Zapatero non descansarán ata lograr "unha Galiza plena de igualdade vivan onde vivan os cidadáns". Ao respecto falou do Plande reequilibrio deseñado pola Xunta, con máis de 2.600 millóns de euros de investimento previstos e dentro do cal se inclúe a autovía Santiago-Lugo, que pasa por este municipio coruñés. Ademais, tamén citou a lei de desenvolvemento rural sostíbel do goberno español e advertiu de que Galiza necesita "agricultura, gandaría, monte coidado, coidar e protexer o medio rural que é a base do país e dun medio e unha economía sostíbel".
Touriño opinou que Mariano Rajoy iniciou este luns a súa despedida como político e dixo considerar que o popular "vai perder amplamente". Advertiu o líder dos socialistas galegos de que os cidadáns non esqueceron as accións de "Aznar, Acebes, Zaplana e Rajoy", e recordou ao respecto os milleiros de voluntarios que colaboraron nas tarefas de limpeza do fuel do Prestige, e os que hai catro anos pedían "a verdade" tras o atentado do 11-M.
Quintana recupera o "Nunca Máis"
"O único progresismo que queda é colocar un BNG forte en Madrid", afirmou o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, durante a súa intervención nun mitin en Ourense. "Que acto máis xusto e igualitario que Galiza supere os anos de maltrato que padeceu", dixo, nun discurso onde deu por feito que o PP sairá perdedor dos comicios do 9M. De paso, referiuse outra vez ao debate da noite do luns enter Rajoy e Zapatero e criticou que tendesen "á crispación e o insulto" e que non falasen de Galiza. De paso, avisou de que o bipartidismo, ademais de "empobrecedor para a democracia, anula a Galiza". "Por iso queren agora que o BNG non estea presente", lembrou en alusión á proposta do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dun próximo debate onde só estean representantes do PPdeG e do PSdeG.
Doutra banda, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Ourense, Iago Tabarés, criticou especialmente á candidata principal do PSOE por Ourense, a ministra Elena Espinosa, reprochándolle que non vaia ir este mércores ao debate que na Galega terán os números un de cada circunscrición. "Valente xeito de entender a democracia", apuntou. Tabarés insistiu en que isto é un exemplo de que o BNG é "a única garantía" de escoller representantes que van traballar durante os próximos catro anos en favor de Ourense.