Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Após unha xuntanza con Touriño

O goberno español ve como "un milagre" que se poida falar galego na UE

O secretario de Estado para a UE, Alberto Navarro dixo que "vai ser moi difícil, por non dicir imposíbel, que se vaia máis lonxe".

Redacción - 19:09 03/03/2008
O galego. Do concurso, Unha imaxe para o galego / Imaxe: Xosé Antón do Río

O galego. Do concurso, Unha imaxe para o galego / Imaxe: Xosé Antón do Río

O secretario de Estado para a Unión Europea, Alberto Navarro, cualificou esta segunda feira de "verdadeiro milagre" que se poida usar o galego en institucións da UE como o Consello de Ministros e advertiu que "vai ser moi difícil, por non dicir imposíbel, que se vaia máis lonxe".

Navarro deu unha conferencia de prensa após reunirse co presidente da Xunta, na que destacou o esforzo feito polo executivo español para conseguir que o catalán, o éuscaro e o galego poidan empregarse nestas institucións e recalcou: "foise máis lonxe do que ninguén podía imaxinar".

Navarro tamén indicou que aínda falta "unha cousa menor", que os eurodeputados poidan expresarse nestas tres linguas, aínda que considerou máis importante ter conseguido que os cidadán se poidan dirixir nestas "tres linguas cooficiais" ás institucións europeas, e que obteñan resposta no mesmo idioma que eles empregaron.

"Europa é unha Babel", pero sen galego, catalán e éuscaro

O secretario de Estado para a UE tamén explicou que cando o Estado Español efectuou a súa reclamación para que os tres idiomas cooficiais obtivesen o estatuto de linguas oficiais europeas na UE, procedíase á ampliación da institución europea (que pasaba de 11 a 21 linguas), polo que "era moi difícil que se recoñecesen outras tres". "Europa é hoxe unha Babel de 23 linguas oficiais".

Eloxiando o "europeísmo de Galiza"
Navarro, axudado por Touriño, lembrou que Galiza ten ampliado moito a súa participación na UE, a través dos seus conselleiros autonómicos nos Consellos de Ministros, mais admitiu que aínda "hai moito que mellorar nos comités da Comisión" nos que a participación das comunidades é aínda "esporádica".

O secretario de Estado para a UE tamén tivo un momento para eloxiar o "europeísmo de Galiza" e Sinalou que aquí sempre está a bandeira europea nos edificios oficiais e terminou sentenciando: "en Galiza respírase Europa polas catro bandas".


4,27/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: