Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFLITO PALESTINO-ISRAELÍ

"Están disparando contra nenos que lanzan areas ao aire"

Moncho Iglesias relátanos dende Belén as protestas que protagonizan os máis novos contra a ocupación da súa terra.

Moncho Iglesias - 19:00 03/03/2008
A mocidade de Belén protesta contra a ocupación israelí / Moncho Iglesias

A mocidade de Belén protesta contra a ocupación israelí / Moncho Iglesias



Belén amañeceu, como todos os días, cos murmurios dos milleiros de rapaces que a habitan, camiño da súa escola. A diferenza, con respecto a outros días, era que ían en grupos e cantando consignas en contra da ocupación. Todos os colexios pecharon, unha xornada máis, e os seus estudantes aproveitaron o receso para achegarse á céntrica praza da Natividade ou ao punto fronteirizo con Xerusalén.

Milleiros de estudantes, portando as bandeiras de todos os grupos palestinos, e unidos cun só berro, encheron as rúas de Belén, que pronto se ateigaron de ambulancias. A ira dos abandeirados tiña como obxectivo o muro de separación. Alí, se congregaron centos de nenos que, sen bandeiras, baleiraron as súas mans guindando pedras contra a mole de formigón. A imaxe era de areíñas do deserto soprando contra o vento. E de fondo, carros de combate que enseguida se achegaron ata os manifestantes lanzando gases lacrimóxenos e balas.

As carreiras dos rapaces non lograron dar acubillo a todos. Sete estudantes -tres universitarios e catro escolares- foron feridos no camiño. Ao mesmo tempo, outros tres foron detidos. E mentres uns recuaban, rapaces doutros colexios chegaban ata o muro, portando novas bandeiras e cánticos. Alí volveron atopar cos tanques e cos disparos que, para esa ocasión, viñan de diferentes lugares, posto que os soldados xa rodearan o campo de refuxiados de Aza.



As protestas de estudantes repetíronse por toda Cisxordania. E así mesmo os ataques que trataban de reprimilas. A primeiras horas da mañá morría un rapaz de 19 anos en Al-Quiblia, preto de Ramallah, durante unha manifestación pacífica, por disparos do exército. Noutro caso similar, tamén preto de Ramallah, un colono israelí, que afirmou sentirse intimidado, disparaba a súa propia arma contra un grupo de palestinos, matando así a un neno de 17 anos.

De Norte a Sur, as protestas estudantís remataron con feridos e detidos, e ataques por parte de grupos armados palestinos, que afirman vingar así os sucesos de Gaza. Así mesmo, houbo protestas nas universidades israelís de Xerusalén e Haifa, onde se repetiron as mesmas proclamas: "co noso sangue e a nosa alma liberaremos Palestina".



No entanto, en Gaza afirman que a situación, agora mesmo, é de tranquilidade. O exército israelí retirouse da Franxa, despois de cinco días nos que deixaron 115 palestinos mortos -un terzo deles, nenos- e 350 feridos. No camiño de volta, os ataques acabaron coa vida de outras sete persoas, amais de destruír varias casas. Unha retirada que, tanto para uns como para outros, representa a vitoria e que, tamén para ambos lados, non é máis que un receso. Así, un oficial israelí comentou que "esta limitada operación tiña como intención amosar a Hamás que é o que pode suceder (...). Se deciden que tiveron dabondo e deixan de lanzar foguetes, se entenderon a mensaxe, entón pode ser que entremos nun período de tranquilidade. Se continúan bombardeando, daquela haberá máis operacións coma esta ou aínda peores".


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: