A gráfica, digo, esas gráficas-fetiche que os candidatos amosan poñendo cara de expertos, coas que se embeleñan con datos que chegan a usar para cousas que non teñen que ver, meus pobres, que tensión, que semaniñas e, sobre todo, unhas gráficas que serven para demostrar que a realidade na que un vive é distinta e oposta á realidade na que vive o outro candidato.
Cando un debate se fai “para ver quen gana”, quere dicir que non se fai para debater. O nobre oficio de debater consiste en expoñer unha tese, en contrastar dialogando, en escoitar ao contrario, en argumentar, en convencer e, no súmum da sabedoría, chegado o caso, en saber rectificar a propia posición.
Os gabinetes, fontaneiros da imaxe, pactan todo. Milimetran o tempo, como se o fundamental fose a cantidade; a luz, a maquillaxe, como se o decisivo fose o aspecto; a orde, os temas, como se coutar a espontaneidade fose rendible. A cousa queda nun par de monólogos ou tres. Pouca frescura. Nada de humor. Póñense pateticamente transcendentes, cun ollo no cronómetro e o outro no aplausómetro. Mesmo hai quen se quere marcar, sen xeito, un tanto de emoción lacrimóxena en plan Laura Bush, falando dunha nena que agora nace e que será inmensamente feliz se el goberna. Nese momento metinme debaixo do sofá.
E non é que o debate non sexa necesario. É imprescindible falar de vagar e sen presión durante toda a lexislatura. Falar en público, en directo, sen a “mediación dos medios”, sobre que sociedade queremos e a que estamos dispostos a renunciar para conseguila. Falar sen tabús do estado plural, de que a diversidade pode unir se se xestiona con xeito e liberdade; de que os impostos son necesarios, pero hai que facelos xustos; de que a fin da violencia merece calquera intento; de que o chabolismo é un problema de todos e todas; da enerxía e o quecemento; do modelo de urbanismo, industria, e traballo.
Pero non serían para “gañar”, senón para dialogar, expoñerse e convencer, polo que non tería moita audiencia, porque seica persoal e xornalistas prefiren o debate-boxeo o de : “quen gañou?”. Por iso, entre elección e elección prodúcese un baleiramento da educación política que automaticamente é ocupado co diario de Patricia e o aquí hai tomate. Pois iso, tomate, cenoria e andando.