Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ ANTÓN UCHA, EX ALCALDE DE SANTA COMBA

“Estou seguro de que detrás da moción están dous empresarios”

O até esta semana rexedor xalleiro, Xosé Antón Ucha, dá claves da primeira moción de censura que prospera no país dende as últimas eleccións.

R.Vilar - 15:00 26/02/2008

Xosé Antón Ucha (PSdeG) é o primeiro alcalde que perde o seu cargo por unha moción de censura dende os comicios municipais do pasado mes de maio. Un pacto entre sete concelleiros do PPdeG (aínda que os conservadores teñen oito representantes, unha das edís non apoiou a moción) e dous tránsfugas de Independentes por Santa Comba rebentou o seu precario e case imposíbel mandato.

O propio Ucha recoñece que as urnas depararon un escenario sumamente complicado: 8 PP, 4 Independentes por Santa Comba, 3 Terra de Xallas e 2 do PSdeG. A falta de entendemento dos populares cos demais grupos posibilitou que este gandeiro de 39 anos, licenciado en Económicas e Dereito, estivese oito meses á fronte dun consistorio que conta con preto de 11 mil habitantes e no que sempre gobernaron formacións de orientación conservadora.

-Vieiros: Vinte e catro horas despois de perder a alcaldía ten máis claro a razón da moción de censura?

-Xosé Antón Ucha: Teño claro que se eu estivera por someterme aínda estaría de alcalde. Prefiro estar fóra e non gobernar a calquera prezo.

-Hai quen ve detrás desta moción a man do empresariado local, que non estaba demasiado contento con vostede...
-Iso non é así. A gran maioría do empresariado estaba a prol dun cambio en Santa Comba. Aínda que é certo que o novo alcalde (o independente Miguel Pérez) levaba dous empresarios nas súas listas. Estou seguro de que detrás desta moción tamén está a man destes dous empersarios, a propia María Xosé Ares (a única representante do PP que non apoiou a moción) deixaba caer nun artigo xornalístico que había intereses.

-Que resume faría dos oito meses á fronte do consistorio?

-Nestes oito meses fomos capaces de darlle unha volta a Santa Comba. Aquí a revolución estaba no pensamento. O propio sistema estaba corrompido. Acabei coa corruptela nos postos de traballo e coa utilización de bens públicos para intereses privados. O máis importante era que a xente vise que tiña liberdade para pensar. Isto era inusitado nun concello rural coma o noso. Eu creo que a xente comprendeu perfectamente que había outro xeito de gobernar e por iso houbo unha contestación tan grande á moción de censura.

-Precisamente chamou a atención o feito de que a xente que recolleu as 3.000 sinaturas contra a moción as acabase queimando por “medo a represalias”...

-Se un coñece como é o medio rural cae de caixón que se queimen as sinaturas. Antes do pleno incluso se coaccionou á xente para que non protestase. Por iso ten tanta trascendencia que a xente acudise en masa a este pleno. Abonde con dicir que, antes de que chegar á alcaldía, os traballadores municipais estaban obrigados a facer campaña. Iso cambiou.


-Tivo o respaldo do seu partido?
O meu partido apoiounos moito pero eran conscientes de que só tiñamos dous concelleiros. Eu mesmo sabía que con dous edís (e co apoio doutros dous independentes) a situación ía chegar a ser insostíbel.

-Cre que os dous edís tránsfugas acabarán nas filas do PPdeG?

-Estou seguro que se van integrar. Mais a situación interna do PP é crítica, a propia voceira, María Xosé Ares, non secundou a moción de censura.



Anterior: O PP rebenta a alcaldía de Santa Comba e dálle a alcaldía a un tránsfuga


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: