Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Contra os tentos de consolidar a situación da papeleira

Recollen tres mil sinaturas contra a concesión da Autorización Ambiental a Ence

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra terminará esta semana coa recollida de apoios. Prevén entregalos o vindeiro sábado, xunto cunha alegación técnica e científica.

Redacción - 18:00 24/02/2008

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra vai terminar esta semana que entra a súa campaña de recollida de alegacións contra a concesión da Autorización Ambiental Integrada á papeleira Ence. Até o de agora xa conseguiron unhas 3.000 sinaturas, que prevén entregar o vindeiro sábado, xunto cunha alegación técnica e científica que a asociación elaborou pola súa conta.

Ademais, van instalar mesas informativas en Pontevedra e Marín, para poder captar máis adhesións, posto que o prazo de presentación de alegacións termina o vindeiro 4 de marzo.

"Un novo tento de consolidar" a actual situación da papeleira
En declaracións a Europa Press, o presidente da APDR, Antón Masa, acusou á Xunta de non ter cumprido "ningún prazo", argumentando que "había dez meses para resolver a tramitación da solicitude e xa van dous anos".

A alegación elaborada pola APDR reflicte que o trámite para a concesión desta nova autorización a Ence supón "un novo tento de consolidar o complexo industrial na súa actual situación", unha circunstancia que "entra en contradición co acordo programático asinado polo PSdeG e o BNG no Goberno da Xunta".

Ademais, a alegación insiste en que o prazo da tramitación "non se pode prorrogar de forma artificiosa", polo que o colectivo ecoloxista reclama que a solicitude de Ence "debe considerarse desestimada por silencio administrativo negativo". A alegación formulada tamén cita que "non consta" que Ence teña solicitado ao concello de Pontevedra o informe preceptivo e acreditativo de compatibilidade co planeamento urbanístico.

Finalmente a APDR critica que a falta desta documentación implica "consentir que se incumpra a lei", concedéndolle a Ence un "trato diferente" ao que se lle concede a outras empresas".


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: